Concello e Xunta asinan o convenio para construir o novo centro de saúde do Carballiño na parcela da estación de autobuses: terá 4.500 m2 construídos.
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega Piñeiro, asinaron hoxe o convenio de colaboración para a construción do novo centro de saúde desta localidade, nun acto ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, e o xerente da área sanitaria Félix Rubial.
Tal e como detallou o conselleiro, o novo centro de saúde terá 4.500 metros cadrados e disporá de 22 consultas, área de saúde bucodental, despacho de traballador social, área de asistencia pacientes infecciosos, catro salas polivalentes, toma de mostras, área pediátrica con 4 consultas, área da muller con dúas consultas, área de fisioterapia, consulta de farmacia e sala de docencia. Respecto ao punto de atención continúa -PAC- terá 6 consultas e na área de saúde mental disporase de 3 consultas e despacho de saúde pública.
O Concello do Carballiño levará a cabo, en relación á parcela da estación de autobuses, a cualificación urbanística axeitada, mentres que a Xunta asume o compromiso de contratación do proxecto e obra, que ademais queda exenta dos impostos locais segundo este convenio. Ao respecto, Comesaña valorou moi positivamente o traballo do Concello e o consenso maioritario da corporación, que aprobou este convenio para que o centro de saúde sexa unha realidade.