Concello e Xunta completan as obras de conservación e mellora no centro de saúde de Maside
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado do alcalde de Maside, José Manuel Iglesias visitou as obras que se realizaron no centro de saúde de Maside que permitiron levar a cabo melloras para a posta a punto do edificio naqueles elementos máis deteriorados.
O orzamento executado ascendeu a algo máis de 48.000 euros e foi financiado a partes iguais pola Xunta e polo Goberno local ao tratarse dun edificio de titularidade municipal. Pola súa parte, o Concello foi encargado de levar a cabo as actuacións necesarias para a correcta execución das obras coa redacción do documento técnico necesario para a execución das obras, licitación e execución das mesmas.
O delegado territorial destacou que se levou a cabo esta actuación porque o edificio requiría dunha serie de actuacións para o acondicionamento e melloras das súas instalacións que se foron deteriorando co paso do tempo. Gabriel Alén informou de que as obras que se levaron a cabo consistiron en renovar a carpintería exterior, a adaptación do aseo, acabados interiores e renovar a calefacción.
O representante do Goberno galego puxo en valor este investimento para mellorar a calidade asistencial do centro de saúde para facilitar o seu uso por parte dos veciños e destacou o esforzo inversor por parte da Xunta para acondicionar o edificio municipal no que se presta o servizo sanitario aos veciños de Maside; e lembrou a recente reforma da cuberta deste edificio, na que Vicepresidencia primeira investiu case 34.000 euros.