Concello e Xunta queren facer da Praza de Abastos do Carballiño un dos 25 "Mercados Excelentes" que se proxectan en Galicia.

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou esta mañá a praza de abastos do Carballiño, unha das beneficiarias na pasada edición das axudas de diagnose para a dinamización das prazas e mercados, coa vontade de continuar na súa modernización e revitalización. Esta visita, coincide coa apertura hoxe do prazo de solicitudes para optar ás achegas da nova convocatoria da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración orientada a potenciar as prazas de abastos de Galicia e impulsar a súa certificación como Mercados Excelentes.
O Director Xeral estivo acompañado pola concelleira carballiñea de comercio Diana González, o primeir tenente alcalde Pepe Castro Gil, a xerente do CCA Noelia Mares, exercendo como portavoz dos praceiros carballiñeses, Eligio González.
Nesta visita, Gabriel Alén —que estivo acompañado por representantes municipais— destacou que estas achegas poden solicitarse ata o vindeiro 14 de abril e a elas destínanse 3,3 millóns de euros, o que supón o triplo do orzamento da anterior convocatoria para poder dar resposta á previsión do incremento de solicitudes para a realización de obras de mellora—tras aumentar en 2024 os apoios solicitados para a elaboración das diagnoses previas—. Ademais, como novidade, os concellos contarán cun período de gasto bianual entre 2025 e 2026 para garantir que conten con máis tempo de execución para as actuacións solicitadas.
As achegas, que poden solicitar municipios, asociacións, cooperativas ou federacións, promoven accións que van desde o mantemento e mellora dos Mercados Excelentes xa existentes na comunidade —cunha contía máxima de 112.000€— consolidando unha rede no marco deste distintivo que impulsa a Xunta para recoñecer aquelas prazas de abastos que están a responder de xeito diferencial e destacado aos retos da modernización e a innovación sen perder a súa autenticidade e tradición, ata accións de diagnose, formación ou obras de rehabilitación —neste caso con 320.000€ de axuda máxima— para aqueles que desexen solicitalo.
As asociacións de prazas de abastos e mercados, así como as cooperativas de vendedores —que se introducen como potenciais beneficiarias este ano— poden solicitar axudas para o mantemento dos seus marketplaces, material promocional ou servizos de fidelización de clientela, entre outras, ata un máximo de axuda de 11.200€. Por último, as Federacións de Prazas de Abastos poden optar a apoios para a realización de campañas comerciais ou eventos, ata un máximo de 40.000€.
Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030
Esta convocatoria encádrase nas medidas de impulso ao comercio promovidas pola Xunta, implementadas cun investimento á alza para seguir potenciando un sector clave na xeración de emprego, no marco do futuro Plan Estratéxico do Comercio 2025-2030, que tras un proceso de escoita activa e de coñecemento da situación real do sector, estará rematado a finais deste mes de marzo.
A ela súmanse outras ordes abertas para fortalecer o ecosistema comercial, como os apoios dirixidos aos centros comerciais abertos (2,5M€), ou os orientados a impulsar a modernización, dixitalización e sostibilidade do comercio retallista e dos obradoiros artesanais galegos (3,9M€).