Concello e Xunta rematan o proxecto de reforma da accesibilidade ao centro de saúde de Beariz, que supouxo un investimento de 120.000 euros
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, destacou hoxe, na súa visita á reforma efectuada no centro de saúde de Beariz, o esforzo conxunto de Xunta e Concello para garantir a máxima accesibilidade no edificio. O investimento nesta obra, que supera os 120.000 euros, foi compartido pola Xunta e o Concello.
Tamén incidiu o responsable do Sergas que os fondos destinados nos orzamentos da Xunta deste ano para o capítulo de investimentos en atención primaria son, con 56 millóns de euros, “os máis altos dos últimos 16 anos”.
“Agora a veciñanza de Beariz ten un centro de saúde plenamente accesible, que é unha necesidade sempre, pero máis se cabe nun concello con moitos veciños maiores aos que temos que facilitar ao máximo o acceso á sanidade pública”, -remarcou Comesaña-.
Tal e como explicou o responsable do Sergas na visita, na que estivo acompañado polo delegado da Xunta, Gabriel Alén, polo alcalde do concello, Manuel Prado, e polo xerente da área, Félix Rubial, decidiuse aproveitar a planta semisoto e habilitala para que toda a área asistencial sanitaria se poida prestar nela. Así mesmo, creáronse aseos adaptados, aumentáronse os ocos das ventás e fíxose o cambio de portas e ventás e de toda a carpintería. Toda esta obra fíxose, -remarcou o conselleiro-, “sen interromper en ningún momento a prestación asistencial no centro”.
O conselleiro destacou a implicación do alcalde na reforma, o que posibilitou que, en decembro, “xa estiveran rematadas as obras tan necesarias para mellorar a accesibilidade do centro de saúde”.
Ademais, este centro de saúde tamén foi receptor, nos últimos anos, doutros investimentos para mellorar o seu equipamento, neste apartado, recibiu un electrocardiógrafo, un desfibrilador e un hólter de presión arterial.