A concentración do "Club W123 Mercedes" motivará un cheo hoteleiro durante a fin de semana
A X concentración nacional do Club España W123 de vehículos Mercedes, que se desenvolverá no Carballiño este sábado, 1 de outubro, conta cun poder de convocatoria extraordinario, pois inscribíronse máis de 120 automóbiles, con 250 pilotos e acompañantes.
O evento fará que hoteis e hostais do Carballiño rexistren unha gran ocupación esta vindeira fin de semana, xa que a maioría dos participantes pernoctarán na vila.
Os automóbiles inscritos proceden de todas as comunidades de España, como Canarias, Baleares, Cataluña, Aragón, Euskadi, Andalucía, Comunidade Valenciana e Ceuta, por citar as máis lonxanas, e de cidades como Ibiza, Murcia, Cartaxena, Valencia, Alicante, Ceuta, Girona, Barcelona, Zaragoza, Bilbao ou San Sebastián.
Estes datos foron ofrecidos por Jorge Pena, membro deste club e do comité organizador, e o concelleiro de Deportes, José Manuel Dacal, durante a presentación deste evento, celebrada na Praza Maior.
A concentración conta co patrocinio principal de Mercedes-Benz Garza, así como Ocaso Seguros e Bodega Pazo Tizón. Precisamente, Garza foi o principal promotor para que o evento, que cumple o décimo aniversario do Club W123 e o cuarenta desde modelo de vehículos Mercedes, que datan do ano 1976, se celebrase no Carballiño.
É a terceira concentración nacional de Mercedes que se fai nesta vila, e isto ten moito que ver co elevado número de automóviles Mercedes que hai no Carballiño. De feito, Jorge Pena asegura que o lema turístico do Carballiño ben podería ser “Para pan, pulpo e Mercedes, O Carballiño”, en alusión ao número deste tipo de coches que hai na vila e comarca carballiñesa.
O programa da concentración comeza ás 9 da mañá, na praza da Veracruz, onde se reunirán todos os coches participantes. Sobre as 11 da mañá, a caravana desprazarase ao Museo Estanislao Reverter en Santa Cruz de Arrabaldo.
Despois a caravana regresará ao Carballiño, onde recorrerá varias rúas da vila, antes de dirixirse ao parque, á Pena dos Namorados e ao centro hosteleiro Isis Pharia, onde terá lugar o xantar, que será servido polo restaurante A Fuchela, e contará con pulpo á feira no menú. Ao remate realizarase a entrega de trofeos e regalos.