A Conselleira de Infraestructuras presenta o proxecto de Mellora da estrada autonómica entre Beariz e Avión

A Xunta vén de licitar hoxe a mellora da estrada OU-212 ao seu paso polos concellos de Beariz e Avión, cun investimento de case 1,5M€ (1.453.550€). A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, presentou hoxe esta actuación, cuxas obras prevense iniciar ao longo deste vindeiro verán.
A intervención supón o acondicionamento desta vía autonómica nun tramo de 6 quilómetros entre o centro urbano de Beariz, á altura do punto quilométrico 6+250, e o desvío ao núcleo do Couso, en Avión, no quilómetro 12+620.
Como explicou a conselleira, a intervención “conxuga os obxectivos que nos marcamos para acadar unhas estradas máis humanas, sostibles e seguras”. Así, as principais actuacións serán a ampliación da plataforma do viario ata os 7 metros, así como a rectificación dunha curva en Beariz (no pq 7+350) aumentando o radio dos actuais 30 metros aos 50 metros para mellorar así a seguridade, ademais da humanización da travesía de Liñares, xa na zona urbana en Avión.
Nesta contorna dotarase á travesía de beirarrúas e zonas de aparcamento ao mesmo nivel da estrada, para integrar adecuadamente o viario nesta zona urbana.
A actuación contemplará outras melloras complementarias, como o acondicionamento dos accesos existentes á estrada OU-212, a renovación da iluminación e das varandas de protección peonil, así como a reposición de servizos afectados e a renovación da sinalización, adecuándoa ao novo deseño da estrada.
As empresas terán de prazo ata o 21 de abril para presentar as súas ofertas para a execución dos traballos.
“Trátase dunha actuación integral -apuntou M. Allegue- na que, como en todas as intervencións que realizamos nas infraestruturas, a nosa máxima prioridade é blindar a seguridade viaria, tanto para os usuarios das estradas como para os colectivos máis vulnerables, os peóns. Dotaremos a esta estrada de mellores condicións de visibilidade e amplitude e, ao mesmo tempo, será unha estrada máis amable para os desprazamentos a pé nesta contorna urbana de Liñares, tanto para veciños como visitantes”.
A Xunta xa levara a cabo nesta estrada unha actuación de reforzo de firme, cun investimento ao seu paso por Avión de 300.000 euros. Neste senso, a conselleira salientou o compromiso da Administración autonómica en materia de conservación de estradas e seguridade viaria, á que se destinan este 2025 un total de 68 millóns de euros.