A conselleira de Política Social destaca a actividade desenvolvida este verán na residencia de tempo libre do Carballiño, despóis dun ano pechada pola covid
A conselleira de Política Social, Fabiola Garcia, sinalou que máis de 800 persoas gozaron este verán dunhas vacacións en familia nas residencias públicas do Carballiño e de Panxón. Aproveitou a súa visita á residencia de tempo libre do Carballiño para conversar e coñecer as experiencias dalgunha das familias participantes.
Este programa emblemático tivo que ser suspendido o ano pasado por mor da covid-19. Neste 2021 retomouse con todas as precaucións e con máis facilidades ca nunca para as familias que máis o necesitan: as numerosas, as monoparentais, as de acollida e as vítimas de violencia de xénero. Como novidade todas elas tiveron prioridade en todas as quendas ofertadas.
Así mesmo, Fabiola García fixo fincapé en que os participantes contaron con todas as garantías e medidas de seguridade. Para iso, foi necesario facer reducións de aforo, ofertar a metade de prazas que durante un ano normal, realizar test aos usuarios á súa entrada á residencia e reforzar as medidas hixiénico-sanitarias.