A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita a casa niño "Raparigos" do Irixo, onde anuncia unha nova convocatoria para financiar este servizo á primeira infancia
A conselleira de Política Social, Fabiola García, acompañada do delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou casa niño do Irixo, chamada Raparigos, para informar dunha nova convocatoria para financiar este servizo de gardeiría para cativos de 0 a 3 anos, que conta cun orzamento de 4,7 millóns de euros e inclúe diferentes novidades.
Fabiola García explicou que esta nova orde inclúe un incremento do 10% da subvención que viñan percibindo as titulares destes pequenos centros de atención á primeira infancia, que son totalmente gratuítos para as familias. A subvención elevarase ata os 24.200 euros anuais para as casas que leven tres anos en funcionamento, deste xeito poden facer fronte a gastos derivados da subida da luz ou das pólizas de seguro, entre outros.
A conselleira de Política Social explicou que outra das novidades que contempla esta nova convocatoria é unha achega adicional de 500 euros para aquelas casas niño que comezaron a súa actividade en 2016, coa finalidade de facilitar a renovación destes equipamentos máis antigos.
Ademais, e como terceira mellora, simplifícanse os trámites para acollerse ás axudas. Por primeira vez a orde ten carácter plurianual, de forma que aquelas titulares que se presenten xa estarán cubertas de maneira automática para os exercicios 2023 e 2024, o que lles evitará novos trámites administrativos.