A Conselleira de Promoción de Emprego destaca o potencial do grupo Coren como primeira cooperativa agroalimentaria de España. Na actualidade, as empresas do grupo empregan a máis de 700 veciños e veciñas do Carballiño-Ribeiro.
A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou as instalacións do grupo Coren en Santa Cruz de Arrabaldo e destacou a súa relevancia no eido cooperativo tanto dentro como fóra de Galicia. Así, acudiu a escoitar as súas demandas e suxestións, nun momento no que se está a traballar na nova Lei de cooperativas co obxectivo de axilizar a creación de entidades e de adaptalas aos novos tempos.
Como primeira cooperativa agroalimentaria de España e unha empresa referente da provincia de Ourense, Coren é ademais a oitava cooperativa cárnica europea en importancia. Así, aglutina preto de 4.300 socios integrados e asociados e máis de 3.000 persoas empregadas, delas máis de 700 son veciños e veciñas residentes nas comarcas do Carballiño-O Ribeiro, polo que pode considerarse -e con diferencia- a empresa que da máis empregos directos á poboación de ambas comarcas. O grupo Coren supera os 1.000 millóns de facturación anual.