A Conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade visita empresas locais e o Polo de Emprendemento do Carballiño, destacando o apoio ao emprego e as persoas que emprenden.

26, Xaneiro 2024

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, visitou hoxe empresas do Carballiño, entre elas "Frigoríficos Arcos" (na foto) onde puxo de relevo os apoios autonómicos ás persoas traballadoras autónomas. Alí, destacou que xa se contabilizan máis de 2.100 solicitudes de profesionais que queren optar ás axudas para a promoción do emprego autónomo, incluída a cota cero para novas altas.

Así, a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, explicou Rivo, mantén aberto ata o 30 de setembro o prazo de solicitude para financiar os primeiros gastos da actividade dos traballadores por conta propia a través de dúas liñas que suman un orzamento de 28,9 millóns de euros. Neste total inclúese unha partida de 9,6 millóns de euros para subvencionar ao 100 % a cota reducida dos novos autónomos durante os 12 primeiros meses de actividade.

O Diario Oficial de Galicia convocou este mesmo luns outros dous programas de axudas ao emprego autónomo que suman 9,5 millóns de euros. Diríxense, por unha banda, aos traballadores autónomos que teñan unha antigüidade superior aos 42 meses para que poidan ofrecer novos servizos e realizar investimentos que impulsen a súa capacidade competitiva (Bono Autónomo) e, por outra, axudar aos profesionais por conta propia que desexen volver emprender tras o cesamento de actividade (Bono nova oportunidade).

Polo do Carballiño

Na visita, a conselleira tamén aproveitou para poñer en valor o traballo feito desde o Polo de emprendemento e apoio ao emprego do Carballiño. Así, das máis de mil persoas emprendedoras atendidas en toda Galicia, arredor de 240 proxectos foron asesorados na provincia de Ourense e, deles, preto de 80 pasaron polo Polo do Carballiño. Das persoas emprendedoras que acudiron ao centro, o 55 % son mulleres e o 45 % homes. Con todas elas lévanse realizado un total de 190 titorías.

No eido do emprego, cómpre referirse tamén á última enquisa de poboación activa (EPA) de 2023, que amosa que Galicia pechou o ano con menos paro, máis emprego e de maior calidade e con máis persoas activas que o exercicio anterior. As cifras son boas tanto a nivel xeral como nos colectivos prioritarios.