A conselleira do Medio Rural destaca na súa visita a confitería Cerviño " a importancia de promover a produción alimentaria tradicional"
A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, destacou na súa visita a O carballiño a importancia de promover a produción alimentaria artesanal como xeito de poñer en valor os produtos de calidade do agro galego. Neste contexto, lembrou que a Xunta está a traballar na creación dun distintivo de calidade para os alimentos artesanais de Galicia a través dun decreto específico, actualmente en exposición pública e que se prevé que entre en vigor ao longo do vindeiro ano.
A conselleira explicou que con esta norma preténdese recoñecer e fomentar os valores económicos, culturais e sociais que a artesanía alimentaria representa para Galicia e preservar e conservar as pequenas empresas familiares que elaboran produtos alimenticios. Precisamente unha destas empresas –Confitería Cerviño, sita no concello ourensán do Carballiño– foi visitada este mediodía pola titular de Medio Rural, acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.
Nesta visita, Ángeles Vázquez salientou a calidade da produción artesanal alimentaria de Galicia en xeral e, de modo particular, a desta pastelaría familiar que elabora, desde mediados do século pasado, doces e outros produtos tradicionais, entre os que destacan as súas populares canas fritas.
Nesta mesma liña, a conselleira sinalou que coa regulación da artesanía alimentaria búscase poñer en valor os produtos alimentarios comercializados por pequenas empresas, moitas veces ligadas a unha explotación agraria, elaborados coa intervención directa do seu titular, o artesán alimentario.
Estes produtos, de elevada calidade polas materias primas utilizadas e polo esmero do artesán ou artesá na súa elaboración, comercializaranse co distintivo da “Artesanía alimentaria”. Dentro deles, os que proveñan de zonas de montaña poderán levar ademais a mención “Produto de montaña” e os que estean elaborados utilizando materias primas da propia explotación agraria á que estean ligados poderán utilizar tamén a mención “Produto artesán da casa” ou “Produto artesán caseiro”.
Para regular esta materia, pártese de que Galicia conta cunha gran tradición na elaboración de produtos alimentarios artesanais, que forman parte da súa cultura popular e que gozan dun alto aprecio entre os consumidores, mesmo fóra da comunidade. A elaboración destes produtos ten contribuído non só a engrandecer a riqueza cultural de Galicia senón á creación dunha economía básica para moitas familias do medio rural.
Confitería Cerviño abriu as súas portas en 1952, pero xa desde os anos 20 do pasado século os antepasados desta familia desenvolveron a súa actividade como pasteleiros, sendo as rosquillas os primeiros produtos que elaboraron para a súa venda. Máis adiante chegarían a ser coñecidos, especialmente, polas súas canas fritas, feitas unha a unha de maneira totalmente artesanal, con produtos naturais e sen aditivos.