Conselleiro e Alcalde abordan as necesidades do Carballiño en materia social
O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, mantivo no seu despacho de San Caetano unha reunión de traballo co alcalde do Carballiño, Francisco José Fumega Piñeiro, co obxectivo de abordar a situación e as necesidades existentes neste municipio en materia social.
Así, o titular autonómico fixo un repaso dos principais servizos prestados pola Xunta nesta localidade, o que inclúe a escola infantil Calvo Sotelo, pertencente á rede de escolas infantís Galiña Azul e que oferta 61 prazas a través de catro unidades. A administración autonómica investiu o pasado ano preto de 6500 euros en obras de mellora nestas instalacións.
No que respecta á área de maiores, levouse a cabo a construción dun novo centro de titularidade autonómica con 25 prazas residenciais para persoas dependentes para as que a Xunta inviste máis de 323.000 euros. Estas novas prazas súmanse ás 24 prazas residencias para persoas autónomas xa existentes na localidade.
Así mesmo, o Servizo de Axuda no Fogar incrementouse nun 38,16% nos últimos dous anos, o que supón a posta a disposición dos veciños e veciñas que o precisen de 33.672 horas, chegando así a unha ratio de atención de case o 98%. O obxectivo é ofrecer servizos de calidade que respondan ás necesidades dos nosos maiores, tal e como trasladou o conselleiro ao rexedor.
Ambos mandatarios acordaron que continuarán estudando posibles novas vías de colaboración entre as dúas administracións, co fin de mellorar os servizos e equipamentos de atención aos cidadáns no Carballiño, e conseguir así unhas mellores e máis eficaces políticas sociais.