A Consellería de Cultura adxudica a obra de restauración do retablo maior e imaxes da igrexa parroquial de Santo Tomé de Serantes
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desprazouse a Serantes, no concello de Leiro, e a Ponte Pedriña, para visitar o monumento da súa igrexa de Santo Tomé trala publicación da licitación das obras de rehabilitación que vai acometer a Consellería de Cultura, Educación e Universidade e que unha vez adxudicas, terán un prazo de execución de catro meses.
Gabriel Alén puxo en valor a aposta decida pola conservación do noso patrimonio histórico-cultural, por iso “dende a Xunta queremos darlle o mellor futuro ao noso pasado máis singular”; e engadiu, “este tipo de actuacións constitúen un auténtico agasallo para todos os que estamos orgullosos da nosa riqueza etnográfica e da nosa historia e para todos os que cremos nas testemuñas do pasado como unha parte esencial do noso poder de transformación”.
A igrexa de Santo Tomé de Serantes, no concello de Leiro, conta cun orzamento de licitación de preto de 47.000 euros para a restauración do retablo maior e as súas imaxes. Este investimento suporá unha mellora estrutural deste ben catalogado que se enmarca na colaboración que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade mantén coa Diocese de Ourense para a conservación de varios inmobles eclesiásticos. O retablo maior da igrexa de Santo Tomé de Serantes, está protexido polo seu valor cultural ao estar incluído no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia segundo o que establece a disposición adicional segunda da Lei 5/2016, do 4 de maio, do Patrimonio Cultural de Galicia.
As necesidades que se pretenden cubrir con esta restauración radican na necesidade de realizar a desmontaxe do ático do retablo por mor do inminente perigo de desplome. Así, faranse labores de desinsectación co fin de eliminar ataques por parte de insectos xilófaios así como previlos no futuro e consolidar o soporte nas zonas debilitadas. Ademais, recuperaranse os volumes reintegrando as fendas que supoñan un risco para estabilidade do conxunto. Tamén se fixará a policromía, realizarase unha limpeza físico-química da capa de protección fortemente escurecida por procesos de oxidación ao longo do tempo e que altera considerablemente a valoración do cromatismo orixinal do retablo.
Os traballos tamén inclúe o tratamento de metais, a eliminación de repintes, a restauración da carpintería, a retirada de elementos alleos ao retablo como as pezas do antigo cabreado eléctrico, a eliminación da instalación eléctrica, o estucado das zonas onde non exista preparación, a reintegración cromática e a aplicación dunha nova capa de protección. En total o proxecto permitirá a restauración das imaxes de: San Pedro, Santo Tomé (zona ático), San Cristovo, San Gregorio (zona ático), San Roque, Santa Bárbara e San Gregorio (predela).