A Consellería de Cultura licita a obra de conservación da Veracruz cun orzamento de 193.718 euros
O Diario Oficial de Galicia publica no seu número de hoxe o anuncio da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia no que se convoca a licitación do contrato da obra para a conservación e mantemento no Templo da Veracruz, unha actuación que se centrará fundamentalmente nos traballos de consolidación na torre da Igrexa, para correxir os problemas estructurais detectados nesta parte do momumento. A obra terá un orzamento base de licitación de 193.718 euros, incluído o ive, e será cofinaciada nun 70% con fondos Feder. A empresa que resulte adxudicataria terá un prazo máximo de 10 meses para rematar a obra. O Concelleiro de obras e urbanismo do Carballiño, Manuel Amil, máximo promotor desta obra, agradeceu a sensibilidade amosada polo Director Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia en relación a esta actuación e recordou que "trátase dunha obra que xa fora adxudicada polo anterior goberno bipartito, pero que quedara despois supendida porque a empresa concesionaria tivera problemas e quebrou". Tamén amosou a súa ledicia pola noticia o Párroco do Carballiño, Xosé Benito Sieiro, porque "esta é unha obra tan importante como necesaria, e ademáis dos traballos na torre vanse a acometer a reforma do presbiterio".