A Consellería de Educación abre o prazo para abonar a compensación económica ao alumnado beneficiario das bolsas de comedor escolar, mentres estean suspendidas as clases
A partir deste martes 31 de Marzo e ata o vindeiro día 6 de abril, permanecerá aberto o prazo para solicitar as axudas de carácter directo dirixidas ás familias do alumnado beneficiario de bolsas de comedor escolar cuxo servizo xestiona a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, mentres estean suspendidas as clases presenciais.
Deste xeito, a Consellería de Educación aboará os menús escolares de todos os días lectivos mentres estean suspendidas as clases presenciais a aquelas familias que durante o curso son beneficiarias dunha bolsa de comedor gratuíta (que non pagan nada polo servizo) ou semigratuíta que pagan 1 euro/día, naqueles centros públicos cuxo servizo de comedor está xestionado pola Consellería.
Presentación de solicitudes
Tal e como publica este lúns dia 30 de Marzo o Diario Oficial de Galicia, a solicitude formal deberá presentarse de xeito obrigatorio a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. Naqueles casos nos que as familias non dispoñan de acceso electrónico, poderán solicitar a colaboración dos equipos directivos dos centros de ensino onde estean escolarizados os seus fillos.
Cada familia presentará unha única solicitude na que incluirá a totalidade dos fillos e fillas (cada un deles debidamente identificado) que sexan comensais gratuítos e semigratuítos de 1 € no comedor escolar xestionado pola Consellería nun centro de ensino público; así como a información da conta bancaria onde realizar o ingreso da compensación.
Para tal fin a Consellería de Educación vén de habilitar un crédito de 3 millóns de euros, que é o estipulado para atender os 14 días lectivos que van entre o comezo da suspensión da actividade lectiva presencial e dos servizos educativos complementarios o pasado 16 de marzo ata o día 12 de abril; así como unha previsión no caso dunha eventual segunda prórroga da situación de alarma.