A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investíu 450.000 euros na mellora de varias zonas e espazos do municipio. A conselleira Ángeles Vázquez visitou as obras realizadas.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda investiu no Concello de Leiro preto de 450.000 euros desde o ano 2008 na execución de actuacións urbanísticas para humanizar, rehabilitar e acondicionar diferentes zonas e espazos no municipio. Así o subliñou a conselleira Ángeles Vázquez no transcurso dunha visita a Leiro para comprobar o resultado dos traballos acometidos na contorna do Campo da Feira e que finalizaron o pasado mes de decembro.
Neste sentido, a responsable galega de Medio Ambiente explicou que esta actuación levouse a cabo en virtude dun convenio de colaboración asinado o ano pasado entre Xunta e Concello. A aportación da Consellería foi de 40.441 euros, o 70% do custo total, mentres que Leiro achegou outros 17.331 euros, o 30% restante. En concreto, os traballos na zona centráronse en mellorar o tráfico peonil e rodado, renovando o pavimento da praza, e tamén serviron para rematar a senda fluvial desde a rampla que dá acceso á rúa Padre Eiján.
A obra acometida na contorna do Campo da Feira enmárcanse dentro do chamado Plan Hurbe, un programa posto en marcha no ano 2010 pola Consellería de Medio Ambiente para apoiar ás entidades locais na execución de todo tipo de proxectos e actuacións que contribúan a crear, mellorar ou humanizar espazos de uso público.
Grazas a estes investimentos, no período 2010-2018 executáronse 200 actuacións en 125 concellos, o que significa que se actuou case no 40% dos municipios da comunidade. Nalgúns casos, foron varias as actuacións de humanización que se levaron a cabo nun mesmo municipio, como foi o caso de Leiro, onde cómpre lembrar que, grazas a este programa, executáronse ou están en proceso cinco intervencións urbanísticas.
Así, Ángeles Vázquez repasou as principais actuacións acometidas no municipio na última década ao abeiro do Plan Hurbe. Unha das máis importantes, levouse a cabo no ano 2017 cun investimento por parte da Xunta de 193.000 euros. O obxecto daquela obra foi acondicionar a rúa Padre Eiján, que conecta precisamente co Campo da Feira, polo que a última actuación acometida nesta zona serviu, como recordou, para darlle continuidade aos traballos realizados hai dous anos en Padre Eiján.
Así mesmo, a conselleira tamén visitou a pasarela colgante sobre o río Avia, na que actualmente estase a executar unha obra de rehabilitación cun custo de case 50.000 euros, financiados integramente polo seu departamento a través do Plan Hurbe. Estes traballos, segundo dixo, están “practicamente finalizados” e en cuestión de días, se a meteoroloxía acompaña, poderán facerse os últimos remates e dala por concluída.
Por último, Vázquez Mejuto tamén lembrou que a Consellería de Medio Ambiente investira xa 113.000 euros en 2018 no acondicionamento da rúa Prado e que no ano 2010, coincidindo coa posta en marcha do Plan Hurbe, xa se mobilizaran no Concello de Leiro 44.000 euros nunha actuación para reformar e humanizar dous tramos das rúas Emilio Hermida e Prado.