Constituída a Mesa Intersectorial de Saúde do municipio para promover a utilización dos recursos comunitarios que traballan a favor da saúde
O alcalde de Avión, Antonio Montero, presidíu a constitución da Mesa Intersectorial de Saúde do municipio, na que participan distintos axentes implicados na saúde da veciñanza do concello de Avión.
Forman parte da mesma un médico do centro de saúde da localidade, asi como outros representantes do Grupo de Emerxencias Supramunicipal, departamento muncipal de deportes, xeriátrico, sicóloga, Centro de Infomación á Muller e dirección do colexio.
A constitución desta Mesa de traballo é consecuencia directa da adhesión do concello de Avión á Estratexia de Promoción da Saúde e Prevención no Sistema Nacional de Saúde, promovida pola FEMP en colaboración co Ministerio de Sanidade.
A mesa intersectorial de saúde para o municipio de Avión é un instrumento de coordinación, colaboración e traballo conxunto para o avance en materia de saúde.
Esta iniciativa é un instrumento de diagnose, proposta, desenvolvemento e seguimento das liñas estratéxicas definidas por esta mesma Mesa para traballar na saúde da veciñanza do concello de Avión, incidindo nas necesidades e problemáticas da cidadanía e coa finalidade de mellorar as actividades e servizos prestados dende o propio concello.