Continúan con éxito os roteiros culturais polas parroquias do concello de Boborás
Medio cento de persoas tiveron a oportunidade de coñecer parte dos segredos da parroquia de Xuvencos, na cal se asenta a capitalidade do propio municipio de Boborás.
Esta visita enmarcada na programación dos roteiros culturais, organizada polo Concello de Boborás e o Centro de Estudios Chamoso Lamas e financiada en gran parte pola Deputación de Ourense, é xa a octava cita para dar a coñecer os recursos naturais e patrimoniais do territorio boborense.
Tras este último roteiro, tanto as autoridades municipais, así como os propios membros do Centro de Estudios Chamoso coinciden ao resaltar o éxito e a boa participación xeral aos mesmos. Neste roteiroasistou a concelleira de Cultura e Turismo de Boborás, Patricia Torres, así como Xosé Luis Sobrado, Juanjo Álvarez, Jorge Lamas, Diego Reboredo e Adolfo Otero do Centro de Estudios Chamoso Lamas. Durante a visita de Xuvencos, o camiñantes puideron coñecer os encantos dun bosque autóctono conformado na súa maioría por castiñeiros, algún deles centenario, e aprenderon sobre as características deste tipo de plantación que ademais de ser un perfecto cortalume natural, tamén é un tipo de arboreda de coidado fácil.
Tralo paso polo bosque os asistentes chegaron a igrexa románica do século XIII de Santa María de Xuvencos. Trátase dun conxunto espectacular conformado non só polo templo senón tamén polo cruceiro do bispo único na comarca, que deixa ver o expoñente esplendor desta parroquia que tamén foi cabeza do arciprestado das Terras do Orcellón.
Nese lugar Xosé Luis Sobrado explicou sobre as dúas familias máis relevantes desta parroquia, as cales marcaron o rumbo económico do lugar. Unha delas era a de don Etelvino Viéitez, quen foi o que edificou o Pazo de Almuzara e o promotor do paso do tren por esta parroquia, dado que o trazado orixinal era polo concello de Cea.
Este feito debeuse a súa gran amizade con Calvo Sotelo, ministro de facenda daquel tempo, ademais de Alfonso XIII que mesmo pernoctou no Pazo de Almuzara. A outra familia importante eran os Munín, ou tamén coñecidos por “Caldeireiros”, oriundos de Asturias que chegan a Xuvencos para vender potes e caldeiros a mediados do século XIX, tempo no que tamén se asentaron na subasta do viño procedente do Ribeiro. Esta estirpe que emigrou a Manzanillo, Cuba, chegou a facer unha grande fortuna sendo os donos e señores de buques, do peirao do lugar, azucreiras...e fixan a súa residencia na que agora é a casa do Concello de Boborás e o Centro de Saúde.
Este edificio, foi vendido no seu día a PerfectinoVieitez que logo mercou o Concello polo prezo simbólico de 57.000 ptas nos anos 40. Dentro do templo de Xuvencos, os participantes quedaron impresionados polo impoñente retablo do 1780 do altar maior feito por un mestre ebanista de Parada de Cameixa e pintado co tratamento do pan de ouro por un pintor da Xesteira.
Tamén coñeceron os detalles sobre a construción da bóveda no altar principal feita polas Munín, así como a reforma e cambio de altura da zona do campanario feita tamén pola mesma familia, todo elo en 1869. Unha das capelas posteriores foi feita segundo un documento por unha familia de Sande, os “Taboadas” entorno a 1800.
Dentro do templo, conservase o chan orixinal, formado por lousas de pedra en forma de tumbas pero coa peculiaridade de que os enterramentos eran en vertical. No interior como ven sendo habitual, Juanjo Álvarez fixo sonar o canto gregoriano e adicouselle un minuto de silenzo en lembranza das vítimas do accidente do Alvia que hoxe cumpre catro anos. Como anécdota Sobrado contou sobre un pleito entre o cura do lugar e PerfectinoViéitez, que propiciou como detalle que este último se enfadara e cando morreu se fora a soterrar ao Carballiño a pesares de ter a súa residencia e finar naAlmuzara, ademais de contar con panteón na igrexa de Xuvencos.
No exterior do templo vimos o panteón dos Munín, no que está soterrada toda a familia que viña de Cuba embalsamada. No último dos enterros desta familia descubriuse un panteón subterráneo totalmente baleiro por debaixo do que se encontra en superficie. Ademais tamén se falou do mantemento das tradicións deste lugar como a famosa Danza de Xuvencos, que se escenifica cada 4 anos, e a xa perdida costume da bendición das varas para a protección do gando. Continuando o camiño o arqueólogo, Jorge Lamas, falou do camiño real no entorno do túnel que comunica co Penedo e do que ainda se conservan partes. Era un sendeiro fundamental para o comercio do viño e outros produtos cara a Santiago e Pontevedra. Alí explicou sobre a aparición dun documento de 960 que fala da Casa Torre de Xuvencos, torre derruída coa Revolta Irmandiña.
O roteiro cultural de Xuvencos rematou no lugar do Penedo, no que vimos as edificacións e divisamos o impoñente Coto Molín para finalizar visitando os exteriores do Pazo de Almuzara, feito entre finais do século XIX e comezos do XX, hoxe destinado a turismo rural e salón de eventos xunto co Barazal.
O Concello de Boborás e o Centro de Estudios Chamoso Lamas empraza a tódolos interesados a participar no vindeiro roteiro a celebrar o 6 de agosto en Pazos de Arenteiro.