A corporación carballiñesa celebrou o último pleno deste mandato, no que aprobou unha modificación de crédito orzamentaria que ronda os 800.000 euros
A Corporación do Carballiño ven de celebrar o último pleno ordinario deste mandato coa aprobación dunha modificación de crédito de preto de 800.000 euros para subvencións a entidades e para afrontar a escalada dos prezos que se ven producindo nos últimos meses. Máis en concreto, o financiamento con remanente de tesourería para gastos xerais ascende a 791.894 euros.
Así o explicou o alcalde, Francisco Fumega: “Considérase necesario aprobar estas axudas a diferentes entidades culturais, deportivas e asociativas para desenvolver proxectos no ano 2023, coa suficiente antelación para non crear problemas na súa organización”. O rexedor tamén asegurou que se amplía algunha subvención en función de celebrar determinados eventos especiais con impacto social no municipio.
Esta proposta tamén ten como finalidade cubrir unha serie de gastos que se viron incrementados pola subida dos prezos dos últimos meses e que afectan negativamente ás previsións feitas no orzamento inicial. Trátase, por exemplo, do servizo de recollida de lixo, do alumeado público ou gas e calefacción. Outras partidas están ligadas a solicitudes de subvencións por parte do Concello do Carballiño a outras administracións para levar a cabo proxectos que requiren cofinanciamento como a reposición vial de acceso ao polígono ou as subvencións para paneis solares nas instalacións municipais e para a renovación do alumeado en instalacións deportivas.
A aprobación desta modificación de crédito saíu adiante cos votos a favor do executivo local e Espazo Común, a abstención do BNG e dunha concelleira do PP, e o voto en contra do resto de concelleiros do Partido Popular.
Durante a sesión plenaria tamén saíu adiante, por unanimidade, a aprobación do Plan Antifraude e o seu traslado a todos os servizos municipais. Tamén se deu luz verde, co acordo de todos os grupos, á moción do BNG que demanda medidas urxentes para recuperar e fortalecer a atención primaria no concello. Por unanimidade aprobouse, ademais, a proposta de Espazo Común para que o Concello contrate persoal para as brigadas municipais.
Non prosperou, cos votos en contra do executivo local, a moción de Espazo Común para a elaboración dun novo Plan de Conciliación. O grupo de goberno propón aumentar a axuda para libros e material escolar de 100 a 150 euros para os nenos e nenas da etapa de educación infantil. Ademais, preténdese subir a barreira de 6.000 euros per cápita a 9.000 euros.