A Corporación do Carballiño insta á Xunta para que manteña aberta a Residencia de tempo Libre durante todo o ano
Por vez primeira en moitos anos o BNG quedouse sen voz no pleno da corporación carballiñesa, unha circustancia debida á ausencia da concelleira Áurea Francisco, que non pudo asistir por motivos persoais.
Precisamente, era a concelleira nacionalista a que tiña previsto trasladar ao pleno a moción relativa á situación da Residencia de Tempo Libre do Carballiño, que nos últimos anos viu progresivamente reducido o tempo de apertura anual, quedando en tan so 4 meses para este ano 2013. Ante unha numerosa presenza no salón de sesións de traballadores da Residencia, o grupo socialista propuxo tratar este asunto pola vía da urxencia, que finalmente aceptou o Partido Popular. Chegado o momento do debate, que xerou bastante tensión, finalmente chegouse o acordo unánime de "instar" á Xunta para que manteña aberta a Residencia de Tempo libre durante todo o ano.
Onde non houbo acordo foi na moción socialista sobre as deficiencias na Biblioteca Municipal, os socialistas -que presentaron un escrito con 167 sinaturas avalando as demandas- defendeu por medio da Concelleira Iolanda Otero a necesidade de acometer varias melloras nas instalacións. O Partido Popular votou en contra pero o alcalde comprometeuse a buscar recursos económicos para "priorizar a intervención na biblioteca" e invitou aos socialistas a presentar o escrito e as sinaturas no rexistro municipal.
O portavoz socialista, Paco Fumega, foi moi crítico co recoñecemento extraxudicial de créditos, en total 55 facturas correspondentes a 23 proveedores, entre os que se encontran Aquagest, Fenosa, e outras relativas á limpeza na Praza de Abastos e traballos de asfaltado nas rúas carballiñesas. En relación a estas últimas Fumega criticou que se admitan pagos por obras defectuosas, respondeulle o alcalde asegurando que o concello ten un aval para garantir os traballos "a empresa terá que vir cantas veces faga falta, teñan a seguridade de que eso vai ser asi", aseverou Marnotes.
O Goberno Municipal fixo valer a súa maioria no pleno para aprobar o Convenio Marco de Cooperación entre a Deputación e os Concellos para a xestión da recollida do lixo, o que se adherirá o concello carballiñés. Fumega manifestou "que o tempo deunos a razón porque o concello ten que pagar máis que cando este servizo se xestionaba polo concello, co agravamente de que co novo convenio encarecerase nun 27% o servizo". O portavoz do Partido Popular recordaballe aos socialistas "a época dos cheiros, dos colectores sen rodas e dos camións que non frenaban", Martín Nogueira invitou aos socialistas "a deixar a demagoxia, O Carballiño está máis limpo e os veciñós contentos, hoxe en dia podemos presumir da imaxe que damos e antes había que escapar", subliñou.
Ao pleno tamén acudiron traballadores do matadoiro municipal, que se atopan en paro dende que se cerraron as instalacións debido a graves deficiencias nas mesmas, interesandose pola situación deste servizo. O alcalde informounos da tramitación que está a seguirse para a convocatoria dun concurso público para a adxudicación deste servizo, tras conluir o periodo da anterior concesionaria.