"Creamos Saúde Tour", unha iniciativa da Cruz Vermella para promover unha alimentación saudable nas persoas maiores, chega este martes 15 á Praza Maior

14, Outubro 2024

Saúde, sustentabilidade e coñecemento son os piares da estratexia de alimentación consciente desenvolvida por Cruz Vermella Española e na que se basea ‘Creamos Saúde Tour’, un proxecto de Cruz Vermella en Galicia en colaboración coa compañía galega de distribución alimentaria Vegalsa-Eroski. Dirixida a persoas de 65 e máis anos,

‘Creamos Saúde Tour’ é unha iniciativa de sensibilización coa que Cruz Vermella busca promover ferramentas e coñecementos sobre o papel esencial da alimentación na saúde. Así, a través de sesións divulgativas da man de profesionais da cociña e baixo a premisa dunha alimentación saudable e dun consumo responsable, Cruz Vermella ofrece consellos, receitas e degustacións fundamentados nas claves dunha alimentación consciente e do seu impacto na saúde.

A bordo dunha foodtruck, profesionais e alumnado de escolas de hostalería como o CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, CIFP Vilamarín de Ourense, IES Sanxillao de Lugo e CIFP Paseo das Pontes A Coruña, compartirán xunto ao voluntariado e persoal técnico de Cruz Vermella os principais detalles esenciais para poñer en práctica unha alimentación saudable desde os 65 anos.

Só en 2023, Cruz Vermella atendeu a un total de 44.810 persoas con 65 e máis anos en Galicia a través de iniciativas enmarcadas nas áreas de intervención de saúde e persoas maiores. Itinerario ‘Creamos Saúde Tour’

Este martes 15 de outubro a foodtruck de Cruz Vermella estará situada na Praza Maior do Carballiño, entre as 10:30 e as 13:00 horas. O xoves 17 de outubro, no mesmo horario, o circuíto chegará a Ourense, e instalarase diante dos xardíns de Pai Feijóo. En ambos os casos contarase coa participación e colaboración do CIFP Vilamarín. (A ter en conta: de 10:30 a 11:30 estarán a elaborar as receitas)