Cruz Vermella e Centro Comercial Aberto poñen en marcha a campaña "os seus dereitos en xogo"
Desde hoxe, 27 de novembro, dá comezo no Carballiño a campaña “Os seus dereitos en xogo”, unha iniciativa de Cruz Vermella cuxos principais obxectivos son; en primeiro lugar, promover o uso de xogos e xoguetes como ferramenta educativa e de transmisión de valores no contexto escolar e familiar; ademais de dotar ás familias en dificultade social con nenos e nenas ao seu cargo, de xogos e xoguetes, enmarcado nun sistema de traballo real con estas persoas para que se cumpran os obxectivos de transmisión de valores e xogo saudable.
Este ano, a Asociación Carballiño Centro Comercial Aberto súmase a esta marabillosa campaña asinando un acordo de colaboración con Cruz Vermella, onde se detalla que vinte e dous establecementos asociados actuarán como punto de recollida de todos os xoguetes doados para esta iniciativa solidaria; desde hoxe 27 ata o 15 de decembro.
A campaña enmárcase dentro do proxecto “O Xoguete Educativo” que desenvolve a súa acción durante todo o ano, e que teñen como obxectivo asegurar o dereito ao xogo de nenos e nenas entre 0 e 18 anos, así como sensibilizar sobre a importancia do xogo e o xoguete, e a súa incidencia no desenvolvemento evolutivo.
Que tipo de xoguetes?
· Novos: por equidade e non discriminación, para que todos os nenos e nenas teñan un xoguete novo. De acordo co principio de Imparcialidade, resúltanos imposible ter que discriminar a algunhas persoas dándolles xoguetes de segunda man, non cremos que haxa infancia de primeira e infancia de segunda categoría. Ademais, non podemos garantir que un xoguete sexa 100% seguro unha vez sacouse do seu envoltorio orixinal.
· Non bélicos e non sexistas e preferiblemente educativos: para favorecer actitudes de respecto e cooperación. Os xoguetes son elementos transmisores de valores sociais. A través do xogo os nenos e nenas adquiren coñecementos e comportamentos. Se fomentamos que a infancia utilice xoguetes educativos estaremos a favorecer valores como a tolerancia, diversidade, respecto, igualdade…
· Medioambientalmente sostibles: fabricados a partir de materiais con menor impacto ambiental.