Curso de formación e asesoramento para os emprendedores na Mancomunidade do Ribeiro
A Consellería de Economía, Emprego e Industria, en colaboración coa Fundación Instituto Cameral para a Creación e Desenvolvemento da Empresa (Incyde), pon en marcha a partir da próxima semana un novo curso de formación e asesoramento que apoiará a creación e consolidación de novos negocios por emprendedores e autónomos da comarca do Ribeiro.
Durante sete semanas os emprendedores participantes recibirán titorías personalizadas na sede da Mancomunidade IV do Ribeiro (lugar Fondal de Beade s/n), adecuadas ás necesidades dos proxectos empresariais que pretenden desenvolver. A formación ofreceralles unha visión global das distintas áreas funcionais dun negocio coa que poder determinar as oportunidades de mercado e desenvolver un plan de empresa propio. As persoas interesadas na formación poden inscribirse a través da web da Fundación Incyde.
Con estes cursos, a Consellería de Economía, Emprego e Industria prevé facilitar, durante este ano, formación e asesoramento a máis de 250 autónomos, emprendedores e empresarios, que desenvolven a súa actividade preferentemente nas diferentes comarcas afectadas polos incendios rexistrados en Galicia durante o ano pasado.
Unha vez rematados os cursos, os participantes poderán seguir accedendo ao asesoramento especializado ou titoría que precisen a través do Igape ou dos servizos do Igape, así como ás axudas do programa Galicia Emprende, ou a préstamos directos como os activados no novo programa de instrumentos financeiros innovadores (IFI) para financiar os seus investimentos.