“De algo hai que morrer”, de Malasombra Producións, elixido mellor espectáculo do FETEGA 2023. A organización fai balance da edición que ven de celebrarse.
O Festival do Teatro Galego fixo público o Premio ao mellor espectáculo “Dorotea Bárcena 2023”, outorgado polo público que asistiu ao festival no Carballiño á obra dirixida por Marcos Orsi e protagonizada por Xoque Carbajal e Jouse García.
No acto desvelouse o premio Dorotea Bárcena ao mellor espectáculo deste ano, outorgado polo público entre todas as obras participantes, e fíxose un balance cuantitativo e cualitativo desta 34.ª edición.
O alcalde do Carballiño Francisco Fumega fixo un agradecemento ao festival, co desexo de implicar próximo ano á Xunta, agradeceu e felicitou ás compañías, especialmente a Malasombra Producións, polo premio acadado.
Carlos Ledo, director do Festival do Teatro Galego, fixo unha valoración máis que positiva, baseada no apoio da Deputación e do Concello, e deixou un reto cara o futuro, a loxística que precisa que haxa un relevo, implicando ás novas xeracións. Avanzou o cambio de datas para 2024, que seguirá celebrándose en decembro, previo ao Nadal. Destacou tamén o atractivo das datas en cando á posibilidade de estreas. Nas súas palabras, “Este ano abríronse portas ao diálogo con institucións, mais entidades privadas e centros de ensino”.
Igualmente destacou a calidade das obras e a súa boa acollida: “O promedio de calificación é un 9, outorgado polo público do Carballiño asistente ás funcións que presentamos este ano. O premio ao mellor espectáculo, a obra “De algo hai que morrer” recibiu un 9,4 de media.
Xoque Carbajal e Jouse García, os actores protagonistas, en representación de Malasombra Producións, agradeceron ao FETEGA que contase con Malasombra, agradeceron especialmente ao público este premio, co desexo e confianza en que o FETEGA siga moitas edicións.
A obra gañadora está baseada nun diálogo fúnebre, cómico e teatral entre os dous protagonistas, que dan vida aos profesores Jeckill e Hyde, que expoñen as súas investigacións sobre a morte.
Dous prestixiosos e peculiares científicos, o profesor Jeckill e o profesor Hyde, divulgan as súas investigacións sobre un tema que afecta ao cen por cen da poboación de todo o mundo sen distinción de raza, sexo ou condición: A Morte.
Ao longo da conferencia, os dous profesores disertan, dramatizan e dan resposta a preguntas sobre diversos temas relacionados co asunto principal.