Debido á previsión de chuvia para este domingo: o concello suspende o desfile da tarde e a orquestra, e mantén o resto da programación da Festa da Cachucha
Debido á previsión de chuvia para este domingo, 1 de marzo, e "tendo en conta que hai unha certa probabilidade de que escampe entre as 12,00 e as 18,00 h., o concello tomou a decisión de manter o desfile e animación de rúa do mediodía, coas charangas, folións e entroido de Amoeiro, e suspender o desfile da tarde co resto das comparsas, así como a actuación da orquestra D´Moda", confirman dende o concello do Carballiño.
Tanto os folións como as charangas animarán a rúa do Paseo tamén pola tarde e debaixo da carpa instalada na Praza Maior.
Este cambio no programa -comunican dende o concello do Carballiño- non afecta ao xantar da cachucha e cocido do entroido nos establecementos hostaleiros, que a día de hoxe contan cun número elevado de reservas.