A Denominación de Orixe Ribeiro recoñece na 13 edición dos seus premios aos mellores viños desta denominación de orixe
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, presidíu a entrega dos XIII Premios DO Ribeiro, onde puxo en valor o bo facer dos viticultores, adegueiros e das persoas e entidades vinculadas a esta denominación de orixe ourensá, que se reflicte en produción de viño de calidade, recoñecido a nivel nacional e internacional.
No acto tamén estiveron presentes a recentemente nomeada como presidenta do Consello Regulador da DO Ribeiro, Concha Iglesias; o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; o director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; a directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz; a xerente de Galicia Calidade, Ana Méndez; e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo; entre outras autoridades. Durante a súa intervención, a titular de Medio Rural trasladou os seus parabéns a todos os premiados e, de forma xeral, a todos os que fan posible o éxito do viños da DO Ribeiro.
Por iso, resaltou que é preciso consolidar aínda máis o prestixio destes viños para seguir avanzando na liña do éxito e para logralo, engadiu, tanto o sector como o consello regulador terán ao Goberno autonómico comprometido con esta tarefa.
A conselleira destacou a aposta da Xunta polo sector vitivinícola, ao que apoia a través de diferentes liñas de axuda destinadas tanto para os viños do Ribeiro como para as outras denominacións de orixe de viño galegas. Neste senso, María José Gómez puxo en valor algunhas como as achegas para a reestruturación e reconversión de viñedo, as axudas para accións de promoción en terceiros países ou aquelas de apoio á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. Nos últimos anos, recalcou, a Xunta leva investidos máis de 40 millóns de euros, e só neste 2024 destínanse máis de 10 millóns para seguir potenciando o sector.
Por outra banda, a conselleira destacou a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas, coa que se traballar para situar ao viño como panca de desenvolvemento, neste caso, da bisbarra do Ribeiro, nos eidos económico, territorial, cultural e turístico.
A promoción do viño foi outro dos puntos que resaltou durante a súa intervención, sobre o que salientou o apoio da Xunta ás adegas en feiras e certames sectoriais nacionais e internacionais. Neste senso, fixo mención ao compromiso cos produtos galegos de calidade diferenciada, poñendo ao viño como exemplo.
En materia de calidade, sinalou a estreita colaboración cos consellos reguladores aos que se apoia para desenvolver os seus programas de mellora e control da calidade e da orixe dos produtos agroalimentarios galegos con algún distintivo de excelencia.