Denuncian problemas de insalubridade no centro de saúde de Piñor
Fai meses que os sanitarios veñen denunciando a deixadez municipal en canto ao estado de conservación das instalacións, agora incluso apuntan á suciedade que está provocando situacións de insalubridade.
Os profesionais que exercen o seu traballo no centro de saúde de Piñor levan presentados varios escritos dirixidos ao alcalde da localidade Francisco Fraga, xa que é o concello o responsable do mantemento do edificio. Non obstante, as deficiencias non foron emendadas.
Ao deficiente estado de conservación engaden problemas de insalubridade, debido á falta de limpeza "unha situación inaceptable nun edificio sanitario, cheo de formigas e suciedade como consecuencia da deixadez por parte do concello", manifestan.