A Deputación ábrese á cesión da parcela que ten na Uceira e na que o concello do Carballiño proxecta un complexo deportivo que inclúe a construcción dun novo estadio de fútbol.

7, Febreiro 2024

A Deputación de Ourense estudará a proposta formulada polo Concello do Carballiño para a cesión dunha parcela de titularidade provincial, necesaria para desenvolver o proxecto de construción dun complexo deportivo na zona da Uceira, que tamén incluiría un novo campo de fútbol para o C.D. Arenteiro.

Así o vén de comunicar o presidente da Deputación, Luis Menor ao goberno municipal do Carballiño, que solicitou por escrito a colaboración da institución provincial para levar a cabo este proxecto.

O concello carballiñés quere construír neste complexo deportivo un campo que cumpra cos requisitos esixidos pola Federación española de Fútbol para a categoría Primeira RFEF, na que actualmente compite o Club Deportivo Arenteiro. Entre este requisitos figura unha capacidade para 4.000 persoas sentadas, grada perimetral e iluminación axeitada. Ademais, a nova área deportiva daría servizo a máis de 400 persoas que xogan ao fútbol no Carballiño, ofrecendo unhas instalacións máis adecuadas.

O Concello do Carballiño deberá presentar á Deputación un proxecto do complexo deportivo para que se poida comprobar á posibilidade de cesión desta parcela, xa que na actualidade dá servizo á institución provincial cunha nave que habería que reubicar.