A Deputación aplica un novo sistema dixital para xestionar e obter información detallada dos 1.850 quilómetros de estradas provinciais
A Deputación de Ourense vén de aplicar un novo sistema dixital para xestionar e obter unha detallada información das características ou incidencias que se rexistran nos 1.850 quilómetros de estradas provincias.
Este novo programa de información xeográfica baséase en imaxes dixitais de 360 graos. Grazas a elas, o persoal da Área de Infraestruturas da Deputación pode recompilar en calquera momento todo tipo de características dunha estrada, como radios de curvatura, rasantes, peraltes, plataformas ou distancias de visibilidade.
Ao mesmo tempo ofrece a posibilidade de coñecer en detalle o entorno da propia estrada, como as condicións orográficas, desmontes, terrapléns, muros, cunetas, zonas de poda e tala, obras de fábrica, drenaxes, cruzamentos, enlaces ou travesías.
O sistema tamén é quen de dar datos concretos sobre os equipamentos que se atopan en cada punto da estrada, entre eles a sinalización vertical e horizontal, elementos de contención, balizas, redutores de velocidade e bandas transversais de alerta que producen sons e vibracións para advertir ao condutor que reduza a velocidade.
Os tramos urbanos das estradas provinciais, así como unha completa identificación do dominio público viario, zonas de protección e liñas de límite para as edificacións tamén están perfectamente rexistradas no programa.
Toda esta información proporciona un coñecemento exacto das características xeométricas, funcionais e estruturais das estradas, ofrecendo así datos de xeito claro, rápido e obxectivo para a súa análise e toma de decisións, optimizando a explotación da rede provincial.
Este traballo tradúcese na creación, edición e xestión de partes de traballo, vixilancia, emerxencias e labores de conservación, poñendo tamén a disposición dos técnicos informes periódicos das actividades realizadas.
Tralo de traballo de recoñecemento dos preto de dous mil quilómetros de vías provinciais realizado mediante un vehículo equipado con cámaras especiais, o sistema incorpora tamén unha aplicación informática para dispositivos móbiles na que o persoal de obra -vixilantes e capataces- poden rexistrar in situ calquera incidencia.