A Deputación apoia un proxecto da Denominación de Orixe Ribeiro que trazará un plan estratéxico para o sector
A Deputación de Ourense colabora cun estudo que analizará a situación socioeconómica do territorio que abrangue a Denominación de Orixe Ribeiro, así o explicou hoxe no centro cultural "Marcos Valcárcel", o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e o presidente da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares. Esta iniciativa, que afondará polo miúdo na cadea de valor do viño e do enoturismo nos catorce concellos da provincia que forman parte desta Denominación, permitirá "analizar o territorio produtivo, os indicadores económicos, e tódolos recursos potenciais desta Denominación de Orixe, así como trazar un plan estratéxico para o sector que serva de folla de ruta para os vindeiros anos", explicou Manuel Baltar.
Neste mesmo sentido, o presidente da Deputación de Ourense destacou o compromiso do goberno provincial co sector vitivinícola de Ourense, eixo estratéxico da nosa economía, a través de numerosas mostras de colaboración como "as axudas directas para os Consellos Reguladores das catros Denominacións de Orixe da nosa provincia, que a Deputación de Ourense concede desde o ano 2016, para axudalos nas súas funcións e no desenvolvemento das súas competencias, froito do estudo do proxecto "Promercado" que presentamos no ano 2015 en colaboración coa Universidade de Vigo, centrado na posta en valor dos produtos endóxenos da nosa provincia, porque debemos buscar o futuro nas nosas raíces, nos produtos da nosa terra", explicou o presidente da Deputación de Ourense.
Así mesmo, a institución provincial colabora tamén puntualmente con "outras accións específicas de apoio á organización de Feiras do Viño e como colaboradores das catro Rutas do Viño, así como a colaboración nos últimos catro anos coa Evega en formación e transferencia ao sector vitivinícola en 16 accións formativas que beneficiaron a uns 1.000 alumnos", explicou Manuel Baltar.
O presidente do goberno provincial agradeceu a Juan Manuel Casares, como presidente da segunda Denominación de Orixe máis antiga de España, que contase coa Deputación de Ourense para colaborar con este proxecto "no que un grupo multidisciplinar, das tres Universidades galegas, avaliará e pescudará as posibilidades desta Denominación e marque a súa folla de ruta", sinalou o presidente da Deputación de Ourense.
Este estudo será executado por un grupo de investigación "Economía Agroalimentaria e Medioambienta. Desenvolvemento Rural e Economía Social" (ECOAGRAOSC) que coordinará Edelmiro López. O grupo estará constituído por dez mestres pertencentes ás tres Universidades Galegas, implicándose os departamentos das áreas de Economía, Socioloxía e Políticas Agraria, de Empresas e Marketing. "Este cadro de investigadores é unha garantía científica e académica do traballo que se vai a desenvolver", sinalou Juan Manuel Casares.
O estudo xorde da necesidade de facer "unha diagnose polo miúdo do que está a acontecer no tecido socioeconómico da nosa Denominación, e para elaborar un plan estratéxico que nos permita afrontar o futuro con garantías", explicou Juan Manuel Casares. Este proxecto implica tamén valorar a estrutura económica deste territorio co fin de obter as claves para o mellor aproveitamento de tódolos recursos patrimoniais, económicos e paisaxísticos da zona.
A Denominación de Orixe Ribeiro conta actualmente con 115 adegas, 5.700 viticultores e máis de 2.200 hectáreas de viñedos inscritas e "a principal diferenza que presenta a nosa Denominación, fronte ás demais Denominacións galegas, é que o viño na nosa comarca é o verdadeiro motor económico", matizou Juan Manuel Casares, quen dixo que "falar do viño de Ribeiro é falar dun produto senlleiro e bandeira de Ourense".