A Deputación colaborará co concello do Irixo en obras de mellora en Nogueiroa e a construcción dun complexo deportivo municipal na Estación.
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, mantivo un encontro de traballo no Pazo Provincial co alcalde do Irixo, Manuel Cerdeira, para abordar novas iniciativas de colaboración entre ambas administracións deseñadas co obxectivo de seguir mellorando os servizos públicos para os veciños deste concello.
Manuel Baltar avanzou a Manuel Cerdeira a "máxima implicación da Deputación co Irixo" para seguir reforzando as liñas de cooperación abertas entre ambas entidades: "Coma administración máis próxima ao territorio, cada alcalde ourensán sabe que pode contar con nós para debuxar novas propostas de colaboracións e sumar esforzos para a súa execución”.
Nesta reunión, o presidente do goberno provincial garantiu o respaldo a tres proxectos presentados polo rexedor: dous deles deseñados arredor de melloras enfocadas no abastecemento de auga e unha iniciativa de humanización no lugar de Nogueiroa.
O rexedor tamén sinalou como prioritaria a axilización dos convenios para a construción do complexo deportivo municipal, proxecto cofinanciado entre o Concello, Deputación e Xunta de Galicia.
Ademais, Manuel Baltar comprometeu o apoio do goberno provincial á cofinanciación dun proxecto de emprendemento local no sector primario a través de coworking, que recibiu unha achega de fondos europeos e que será, segundo o rexedor, un “paso máis na procura de emprego de calidade que permita fixar poboación no concello”.
O presidente da Deputación recoñeceu o traballo de Manuel Cerdeira a prol do Irixo, “con proxectos e iniciativas ben deseñadas, e sempre enfocadas cara o benestar dos veciños e a dinamización do territorio”.