Deputación, Consello Regulador e o Xeodestino Turistico poñen en marcha "O Camiño do Viño. Ruta do Viño do Ribeiro"
O Centro Cultural "Marcos Valcárcel" acolleu a presentación do programa de actividades que a "Ruta do Viño do Ribeiro" vai desenvolver durante o ano 2019 baixo o lema: "O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro", unha iniciativa que conta co apoio da Deputación de Ourense e que reúne por primeira vez a catro entidades -Deputación, Consello Regulador da denominación de Orixe Ribeiro, Ruta do viño e Xeodestino O Ribeiro-Carballiño-, que colaboran conxuntamente para potenciar o territorio histórico do Ribeiro.
O presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, destacou na presentación "a aposta da Deputación de Ourense pola asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e pola visualización do enoturismo nunha comarca fundamental da provincia de Ourense, como é a do Ribeiro". Baltar salientou "as grandes posibilidades que se abren para Ourense coa próxima chegada da alta velocidade e en vésperas do Xacobeo 2021".
"Estamos a falar do viño por excelencia de Galicia e da segunda denominación de orixe máis antiga de España, o Ribeiro, así como do primeiro viño de Galicia que se internacionalizou, un viño de excelente calidade que afronte neste século XXI unha andaina máis que importante da man das institucións para potenciar a posta en valor desa parte tan representativa de Ourense como é a comarca do Ribeiro, onde se une non só viño senón o termalismo e a súa riqueza histórico-artística", afirmou Baltar.
A presentación contou, ademais, co presidente da asociación "Ruta do Viño do Ribeiro" e do Consello Regulador da D.O. Ribeiro, Juan Manuel Casares; e co presidente do xeodestino O Ribeiro-Carballiño, Francisco José Fernández.
O obxectivo desta colaboración é facer unha fronte común que aposte decididamente por potenciar o territorio do Ribeiro; revitalizar unha comarca vitivinícola histórica e impulsala como destino enoturístico. Para iso poñerase en valor o territorio, a paisaxe, os recursos arquitectónicos culturais e outros coma o termalismo, utilizando o viño Ribeiro e a riqueza da súa historia como fíos condutores.
O presidente da Ruta do Viño do Ribeiro, Juan Manuel Casares, dixo que outros retos son "espertar a memoria de Galicia respecto do Ribeiro, un territorio e un viño que durante séculos foron un dos motores económicos da nosa terra, e poñer en valor un rico patrimonio material e inmaterial que nalgún intre debera ser reivindicado." Asemade apuntou que "queremos que cando unha persoa beba un Ribeiro saiba que non só está a consumir un produto de alta calidade, senón que está a degustar séculos de historia e tradicións; o froito dunha paisaxe modelada a través dos séculos".
Actividades
As actividades a desenvolver durante o ano 2019 se concretan nunha campaña promocional nas redes sociais apoiada na edición de folletos e vídeos da Ruta do Viño do Ribeiro. Farase unha presentación en Santiago da Ruta do Viño do Ribeiro, O Camiño do Viño, na simbólica Porta de Mazarelos, lugar histórico de entrada do produto a Compostela.
Unha misión inversa de xornalistas e escritores especializados de ámbito español daralle unha dimensión nacional á estratexia, e unhas xornadas históricas sobre a Cultura do Viño en colaboración con AMECHIR (Asociación de Amigos e Amigas do Museo Etnolóxico e do Conxunto Histórico de Ribadavia) tentarán sentar os alicerces históricos e culturais do Ribeiro. Finalmente, a Asociación Ruta do Viño do Ribeiro celebrará no mes de xuño a VIII edición da Xornada de Portas abertas das Rutas do Viño de Galicia que promove a Axencia de Turismo de Galicia.
A Asociación Ruta do Viño Ribeiro foi creada no ano 2007 como unha entidade destinada á promoción do territorio ribeirán e os seus recursos cunha finalidade turística. Hoxe en día conta con 52 socios entre os que hai 19 adegas, 7 establecementos de restauración, 9 aloxamentos, balnearios e termas. Conta tamén cunha activa participación pública representada por 9 concellos (Boborás, Carballiño, Castrelo de Miño, Cenlle, Leiro, Ourense, Ribadavia, San Amaro e Toén), así como co Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que ostenta a presidencia.
Durante o ano 2018 se foron tecendo redes de cooperación entre a Ruta do Viño do Ribeiro e o xeodestino O Ribeiro-Carballiño promocionando o turismo neste territorio. Puxéronse en marcha actividades como o "Bus do Viño" durante os meses de xuño a setembro e tamén se desenvolveu unha misión inversa con medios xornalísticos galegos especializados no mes de novembro.
Segundo Francisco José Fernández, "o éxito acadado nestas accións nos animou a ir un pouco máis alá e propoñer unha cooperación con máis entidades. Deste xeito, por vez primeira na historia do Ribeiro, catro entidades con obxectivos e intereses comúns (Deputación, Consello Regulador, Ruta do viño e Xeodestino) establecen unha estratexia conxunta e poñen en marcha un plan ambicioso de actividades para desenvolvela".
As catro entidades deseñaron un paquete de actividades que se acubillan baixo o lema: "O camiño do viño. Ruta do Viño do Ribeiro", que quere trasladar a idea do Ribeiro como unha zona con historia desde os romanos ata hoxe, pasando polas grandes ordes monacais, os fidalgos ou señores da terra e a figura dos arrieiros.
Segundo Casares, "o Camiño do Viño ten un simbolismo especial xa que significa en realidade moitos camiños: Tanto as rutas de peregrinos que ían cara Santiago; os camiños que os arrieiros seguían para comercializar o viño Ribeiro por toda Galicia, como a metáfora dunha comarca vitivinícola no seu percorrido pola historia onde chegou a ser, durante moitos séculos, o gran viño de Galicia".
De xeito principal, apunta Francisco José Fernández Pérez, "identificar a Ruta do Viño do Ribeiro co "Camiño do Viño" fundaméntase na importancia da figura dos arrieiros e dos percorridos que, pouco a pouco, se foron definindo en función de cal era o destino do viño (do Ribeiro) que transportaban".
O certo é que a existencia de granxas vitivinícolas dependentes de ordes eclesiásticas establecidas en Compostela, fixo que un dos destinos principais destes "comerciantes" sexa Santiago. Esta relación comercial Ribeiro – Compostela, tórnase estratéxica para o desenvolvemento económico dos dous territorios fundamentalmente polo comercio do viño do Ribeiro, que tivo repercusións a nivel social e cultural. Pontevedra foi o outro gran punto de negocio do Ribeiro xa que era o porto de mar desde onde este viño se comercializaba a outras zonas de España e ao estranxeiro. O Ribeiro foi o primeiro viño que chegou a América e o primeiro viño galego que se internacionalizou.