A Deputación de Ourense colaborará coa Denominación de Orixe do Ribeiro na promoción dos seus viños

17, Novembro 2023

A Deputación de Ourense colaborará co Consello Regulador da Denominación de Orixe do Ribeiro na promoción dos seus viños, apoiando actuacións que favorezan o seu posicionamento “nun mercado tan competitivo como é o vitivinícola”, explicou o presidente provincial, Luis Menor, tralo encontro mantido no Pazo Provincial co presidente da Denominación de Orixe do Ribeiro, Juan Manuel Casares.

Na reunión, na que se analizaron as liñas de colaboración que mantén a institución provincial co consello regulador, Luis Menor comprometeu o apoio da Deputación cun dos “sectores máis estratéxicos da economía provincial e, dentro deste, a unha comarca eminentemente vitivinícola como é O Ribeiro”:

O presidente provincial afirmou que a calidade dos viños do Ribeiro xunto coas actuacións de promoción que está a levar a cabo o consello regulador, “está a permitirlles abrirse camiño neste sector tan competitivo entre a ampla oferta existente”. Entre os labores de promoción do sector vitivinícola, cómpre salientar o programa dos “Trens Turísticos” que cada ano pon en marcha a Deputación de Ourense en colaboración coa Axencia de Turismo de Galicia e Renfe, para promocionar as diferentes rutas do viño da provincia.