A Deputación e o "Centro de Estudos Chamoso Lamas" asinarán un convenio de colaboración
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reuniuse no Pazo Provincial co presidente do centro de estudos "Chamoso Lamas", José Luis Sobrado, con que analizou o momento actual "desta importante entidade cultural non só da comarca do Carballiño senón tamén no ámbito da provincia de Ourense, con case trinta anos de existencia". O presidente do goberno provincial salientou a importancia desta entidade cultural "polas súas publicacións e o seu carácter investigador, e sobre todo, por esa vocación de atender a cuestións históricas patrimoniais e culturais, que contribúen a fortalecer a nosa identidade".
Baltar confirmou "a máxima cooperación" por parte da Deputación de Ourense co "Chamoso Lamas", e avanzou a sinatura dun convenio de colaboración en materia económica "para que este centro de estudos siga a desenvolver a súa planificación e divulgación de proxectos de investigación sobre o noso patrimonio, e para que siga na vangarda cultural desde unha comarca como a do O Carballiño, que ten moito do que presumir", agradecendo ademais o traballo de José Luis Sobrado e animando ao centro de estudos a seguir levando a cabo o seu importante labor.