A Deputación estuda asumir, mediante cesión, a xestión do museo Olimpio Liste de Oseira
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, recibiu no Pazo Provincial á viúva e á filla do etnógrafo Olimpio Liste, Josefina Fernández e Araceli Liste, acompañadas polo alcalde de Cea, José Luis Valladares, con quen analizou a situación actual do museo etnográfico, situado en Oseira, que garda importantes elementos da historia galega e que na actualidade permanece pechado.
O presidente do goberno provincial avogou por chegar a un acordo cos propietarios para que a Deputación de Ourense asuma mediante cesión o museo e así "poder xestionar e manter estas instalacións, lembranza permanente da nosa etnografía, e preservar a memoria do seu creador e impulsor, Olimpio Liste".
Manuel Baltar confirmoulles á familia de Liste que a Deputación de Ourense "fará todo o posible" para que esta xoia poida abrirse novamente ao publico "e sexa un elemento dinamizado de Oseira, conxuntamente co seu mosteiro, co obxectivo de que escolares, investigadores e público en xeral se acheguen ao museo para coñecer máis polo miúdo os elementos que foron conformando a vida e a historia".
Entre os temas que abranguería o posible acordo de cesión do museo figurarían que o goberno provincial asumiría a xestión do mesmo e tamén cabería a posibilidade de realizar estudos de catalogación, restauración e conservación de pezas, así como o mantemento das instalacións.
Olimpio Liste, mestre e etnógrafo, abriu o museo no ano 1976 nunha casa situada nas inmediacións do Mosteiro de Oseira, acollendo nas súas instalacións seccións dedicadas ás labores propias do agro, aos gremios artesáns e ás crenzas, contando ademais cunha importante biblioteca que inclúe volumes e traballos de documentación etnográfica e antropolóxica.