A Deputación facilitará a compra online de libros do seu catálogo editorial, con traballos de interese para a provincia

7, Decembro 2024

A Deputación de Ourense, na súa aposta pola cultura, traballa na posta en marcha dunha páxina web renovada onde se poderá atopar o catálogo editorial da institución, que recolle todo o que publicou ata o momento a Deputación. Trátase dunha nova ferramenta que facilitará o acceso a obras científicas, artísticas, literarias ou musicais, tanto de autores ourensáns como de outros divulgadores da realidade de Ourense.

A Deputación ten editados case 600 títulos, que reflicten o importante esforzo que o organismo provincial dedica a este tipo de difusión. A web pretende facilitar a compra online destas obras, que ata agora se podían mercar a través de librarías ou da propia oficina de Publicacións.

Na web pódese consultar o catálogo editorial de diferente formas: por palabras chave, por autor, título ou ano de publicación. Ademais, pódese acceder a diferentes categorías ou temas aos que se refiren as publicacións, como a provincia en imaxes, biografías e personaxes de Ourense, compilacións de artigos publicados en prensa, emigración, patrimonio ou termalismo.

Obxectivo de dar cabida a traballos inéditos

Ademais, tamén poden consultar as revistas editadas pola Deputación e tamén outras que, sen ser editadas pola institución provincial, pertencen a entidades sen ánimo de lucro que deron autorización para que se poda acceder a elas dende a web da Deputación.

“Pretendemos que, nun futuro, esta páxina sirva tamén de repositorio no que teñan cabida traballos inéditos de interese para a nosa provincia cuxos autores busquen unha difusión dixital”, engade Ana Malingre, responsable da Sección Arquivo e Publicacións da Deputación.

Outra das novidades nas que se traballa é na posibilidade de que os autores, cuxas obras estean esgotadas, dean o seu consentimento para dixitalizar os seus traballos en PDF e poñelos dispoñibles nesa nova páxina web.

Un servizo con historia

A Deputación comezou a publicar en 1976, a través do “Instituto de Estudios Orensanos Padre Feijoo”, cuxos fins eran realizar, promover, subvencionar e coordinar as investigacións e estudos de natureza científica, histórica, literaria e artística referida á provincia ou rexión que redundasen no prestixio e honra de Ourense e asesorar á Deputación en materia cultural.

Disolto o instituto, creouse o Servizo de Publicacións. Hoxe, existe un Negociado, dependente da Sección de Arquivo e Publicacións, desde o que a institución continúa co mesmo obxectivo, afanándose en profundar no coñecemento da provincia.

Cada ano, elaborase dende a Deputación de Ourense un Plan de publicacións e tamén se pon en marcha un concurso, para elixir as obras que se publicarán ao longo do exercicio.

Todos os títulos editados pola institución chegan de forma gratuíta á rede de bibliotecas públicas da provincia, ás máis importantes do resto de Galicia e a calquera outro punto de lectura que o solicite.

Esta nova canle permitirá achegar aínda máis a cultura aos cidadáns e a todos aqueles interesados na realidade da provincia, no seu sentido máis amplo.
--