A Deputación impulsará a actividade dos pulpeiros do Carballiño-Arcos como “embaixadores da nosa gastronomía e dinamizadores do territorio”
A Deputación de Ourense impulsará a actividade dos pulpeiros do Carballiño e Arcos, para “axudar a reforzar o que son dende sempre: uns referentes e embaixadores da nosa gastronomía e dinamizadores do noso territorio”, segundo resaltou o presidente do goberno provincial, Manuel Baltar, trala reunión co presidente e o vicepresidente da Asociación de Pulpeiros do Carballiño - Arcos, Roberto Pereira e Jesús Pereira.
“Esta liña de cooperación”, destaca Manuel Baltar, “permitirá á asociación e aos seus asociados avanzar no seu posicionamento, reforzando a súa proximidade coa clientela a través das novas tecnoloxías e cunha importante aposta pola imaxe e a comunicación para referendar o carácter xenuíno dos pulpeiros desta comarca, auténticos símbolos de Ourense e de toda Galicia”. “Este é un novo exemplo da nosa forma de traballar. Estamos en permanente contacto coas asociacións e entidades da provincia nunha relación absolutamente clave para Ourense”, valora Manuel Baltar, que reivindica a alianza do goberno provincial co tecido asociativo ourensá: “A Deputación confía na capacidade estimuladora e creadora de riqueza das asociacións e entidades que operan no noso territorio; e o tecido asociativo confía na Deputación pola nosa probada fortaleza para tecer colaboracións que permitan seguir favorecendo o crecemento de Ourense”.
En nome da Asociación Pulpeiros do Carballiño - Arcos, Roberto Pereira quixo agradecer o apoio da Deputación de Ourense: “Para nós é importantísimo. Este é un empuxe moi importante nun momento complicado, trala saída dunha pandemia na que case non puidemos traballar e no actual contexto de inflación. Agardamos poder devolver este apoio a todo Ourense e á comarca do Carballiño”. O presidente da entidade resalta que a través desta colaboración, “a primeira pública que recibimos en 14 anos”, as máis de 30 familias pulpeiras asociadas poderán avanzar no seu plan conxunto, con fitos como “unificar a imaxe do centenar de vehículos e carpas que empregamos, mellorar as nosas infraestruturas, seguir progresando na modernización da asociación e reforzar a nosa presenza en eventos de toda Galicia e tamén fóra”.
Segundo explican, a Asociación de Pulpeiros do Carballiño -Arcos naceu baixo “a protección do saber facer dun pobo que dende o século XVIII se dedica a cociñar o ‘Polbo á feira’, de xeito artesanal e tradicional, na parroquia carballinesa de Santa María de Arcos”. Nesta entidade agrúpanse, remarcan, “as familias que dende entón traballan o polbo día tras día en toda a xeografía de España e no estranxeiro do mesmo xeito, ata hoxe, sen cambiar a esencia da súa elaboración e tradición, pasando ese bo traballo de xeración en xeración”. A Asociación de Pulpeiros do Carballiño - Arcos sitúa como obxectivo principal “poñer en valor a figura dos pulpeiros, mellorando o seu coñecemento e posicionamento como símbolo da gastronomía”.
Entre os pasos deseñados pola entidade están fitos como redeseñar e reposicionar a imaxe da asociación; fortalecer e difundir unha imaxe única en todos os elementos vinculados á asociación; adaptarse e facer uso dos novos canles de comunicación para chegar aos potenciais clientes -internet, redes sociais, mailing, realizar eventos con impacto social ou innovar con proxectos vinculados ao mundo do pulpo, como unha aplicación de xeolocalizador para “localizar ao teu pulpeiro máis próximo”.