A Deputación intégrase nos Grupos de Desenvolvemento Rural, entre eles o do Carballiño-Ribeiro, achegando soporte técnico e económico
A Deputación de Ourense integrarase como socia en cada unha das asembleas dos seis Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) existentes na provincia, achegando a capacidade técnica e xurídica dos seus servizos, así como tamén abrindo unha liña de colaboración económica para contribuír á realización dos proxectos que levan a cabo por todo o territorio. Este é o resultado da reunión que esta mañá mantivo no Pazo Provincial o presidente, Manuel Baltar, cos representantes dos seis GDR ourensáns (Ourense-Adercou, Carballiño-Ribeiro, Limia-Arnoia, Monteval, Sil Bibei Navea, e Valdeorras) e que supón o cumprimento dunha das propostas aprobadas pola corporación no debate sobre o estado da provincia de novembro pasado.
A iniciativa partiu dunha proposta trasladada polos GDR á Deputación, referendada posteriormente no debate sobre o estado da provincia, no que aprobouse esta colaboración para “impulsar diferentes vías de colaboración cos seis GDR da provincia de Ourense (…) Solicitaremos a adhesión en cada un dos GDR e poder integrarnos nas respectivas asembleas en calidades de socio”. Un punto cumprido agora con este acordo. Manuel Baltar lembra que a iniciativa para impulsar vías de cooperación con estes grupos aprobouse “por acordo unánime” e implicará a adhesión da Deputación como socia a cada GDR “para achegar todo de nós non só como goberno provincial, senón tamén a través do Inorde”. Así, e xunto cos servizos técnicos e xurídicos que se porán a disposición destas entidades, a Deputación “realizará unha primeira achega económica que este ano será de, aló menos, 10.000 euros, que se aprobarán na modificación de crédito prevista para o pleno do mes de abril”, anunciou o presidente.
“O noso discurso é de acompañamento e apoio nas reivindicacións e proxectos que formulen os GDR”, dixo Manuel Baltar, destacando que a Deputación de Ourense “é a primeira institución provincial en participar en todos e cada un dos grupos que operan no seu territorio e que engloban a todos os concellos da provincia”. Unha alianza que toma forma nun momento no que a defensa do rural ten un gran protagonismo, en particular para unha provincia que “xunto con Lugo, foi clave na chegada a Galicia de tantos fondos europeos durante tanto tempo, fondos que non van deixar de vir, pero sobre os que, en pe de igualdade con outras provincias, temos que falar en termos de equilibrio territorial”.
Apoio da Deputación e o horizonte dos fondos europeos
A proposta de colaboración dos GDR á Deputación avanza futuras liñas de traballo coma a promoción dos “produtos de calidade agrarios e artesáns da provincia”, o traballo conxunto na promoción turística da provincia ou a colaboración co Inorde. No encontro desta mañá con Manuel Baltar estiveron Manuel Seoane, alcalde da Peroxa e presidente do GDR Ourense-Adercou; Manuel Dacal, tenente alcalde do Carballiño e representante do GDR Carballiño Ribeiro; Gumersindo Lamas, alcalde de Sarreaus e presidente do GDR Limia-Arnoia; Luciano Rivero, alcalde de Cualedro e vicepresidente de Monteval; Francisco Magide, tenente alcalde de Parada de Sil e presidente do grupo Sil Bibei Navea e María del Carmen González, alcaldesa de Carballeda de Valdeorras e presidenta da GDR Valdeorras.
Como voceiro dos GDR ourensáns, Francisco Magide cualificou a reunión como “moi positiva”, tanto pola achega económica comprometida como polo feito de que a Deputación se implique nas súas actividades, “o que significa entender na práctica o importantes que son os GDR promovendo moitos proxectos de desenvolvemento e en contacto moi próximo co territorio”. Para Francisco Megide, tenente alcalde de Parada de Sil, está é “unha idea excelente porque é unir esforzos na consecución dun mesmo obxectivo que ten como beneficiario o mundo rural”.
Magide expresou a preocupación dos grupos polo próximo programa financeiro plurianual da Unión Europea (201-2027), subliñando a necesidade “de que se dote a Ourense con máis fondos dos que ten agora, xa que a maior parte dos concedidos a Galicia veñen polas provincias de Lugo e Ourense, unha demanda que tamén asume o presidente o que nos parece moi importante”.
Grupos de xestión de fondos europeos para o medio rural
Os GDR teñen como principal función xestionar fondos europeos para desenvolver programas de dinamización local, contando para este fin coa colaboración de organismos públicos e colectivos de representación empresarial, social e veciñal nos territorios que abarca cada grupo. Están dotados cun equipo técnico (xerencia, técnicos e administrativos), ademais de órganos decisorios como unha asemblea xeral, xunta directiva ou equivalentes. Cada un dos grupos, dos que en Galicia existen 24, elabora una estratexia de desenvolvemento para o seu territorio, dentro dos criterios establecidos no Plan Leader da Unión Europea, programa que ten como obxectivos axudar ás pemes agrícolas no medio rural a mellorar a súa produtividade e competitividade, financiar novas iniciativas económicas e medioambientais e formar á poboación en labores específicas e sostibles.