A Deputación merca 36.000 máscaras e 43.000 pares de luvas para repartir entre os concellos
O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, anunciou hoxe que o goberno provincial mercou 36.000 máscaras e 43.000 pares de luvas, xunto con 500 litros de xel desinfectante, que serán repartidas entre concellos e entidades da provincia de Ourense, unha medida validada polo Comité de Seguimiento do Coronavirus da Deputación, e que forma parte da estratexia de colaboración coa Xunta de Galicia. A petición de axuda foi formulada polo Posto de Mando Avanzando (PMA) en Ourense.
Desta maneira, a xestión levada a cabo polo goberno provincial fai posible a adquisición deste material sanitario, que chegará a Ourense a próxima semana e que se unirá ao da Xunta de Galicia, para poder realizar un reparto conxunto.
Manuel Baltar valora como "sumamente importante unir esforzos para seguir cooperando, ademais dos labores que xa vimos desenvolvendo en materia de servizos sociais e infraestruturas, "con equipamentos que neste momento resultan imprescindibles para afrontar a pandemia do Covid-19".
O presidente do goberno provincial afirma que a cooperación "vai no ADN da Deputación de Ourense, e neste momento, unir esforzos coa Xunta de Galicia e conxuntar o material que mercamos para colaborar nesta crise é algo fundamental e centra todas as nosas estratexias", valora o presidente Baltar.