A Deputación presenta aos concellos da Comarca o proxecto EmprendOU, de apoio ás persoas entre os 16 e os 30 anos con mentalidade emprendedora
A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, trasladoulle, na sede da Mancomunidade do Carballiño, as bases do proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense aos alcaldes, concelleiros e axentes de desenvolvemento local da comarca do Carballiño, "continuando con esta rolda de visitas polas distintas comarcas da provincia, para que os municipios coñezan as liñas básicas desta iniciativa coa que pretendemos afrontar o reto demográfico",dixo Luz Doporto.
O proxecto EmprendOU da Deputación de Ourense apoia a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.
A finalidade é incrementar as posibilidades de desenvolvemento profesional/laboral da poboación máis nova, aumentar o atractivo do mundo rural entre o público destinado destas axudas para provocar un 'efecto chamada' por parte da provincia de Ourense para persoas con mentalidade emprendedora. A dispoñibilidade de orzamento deste programa ascende aos 2.025.000 euros, sendo a contía de axuda económica a persoas beneficiarias deste Plan de 675€/mes.
Esta iniciativa da institución provincial obtivo unha axuda na convocatoria de axudas efectuada polo Ministerio de Política Territorial e Función Pública, a través do cal se conceden axudas a entidades locais para o finaciamiento de proxectos de emprego, autoemprego e emprendemento colectivo, dirixidas a afrontar o reto demográfico.