A Deputación presenta un estudo científico pioneiro que acredita a calidade de vida das persoas centenarias da provincia como clave da lonxevidade

29, Abril 2025

A Deputación de Ourense xa dispón dun estudo pioneiro sobre as claves da lonxevidade na provincia, despois dunha análise cualitativa e cuantitativa a partir de entrevistas a centenarios de Ourense, realizadas por un equipo de expertos multidisciplinar e financiado pola institución provincial.

“O fenómeno das persoas centenarias”, investigación liderada pola asociación Ourensividade, foi presentada hoxe nun acto no Centro Cultural Marcos Valcárcel ao que acudiron tamén dúas das participantes no estudo, Elisa Soria e Laura Fernández. O presidente provincial, Luis Menor, felicitou ás centenarias por acadar a súa idade con calidade de vida e puxo en valor as “políticas sociais” da Deputación de Ourense, anunciando a potenciación do actual servizo de teleasistencia, para chegar a unha inversión de dous millóns de euros en catro anos.

Menor tamén fixo referencia a plans contra a soidade non desexada, poñendo énfase na accesibilidade á vivenda, cunha convocatoria de axudas técnicas para crear fogares adaptados, que sairá proximamente. Así, prevese que a teleasistencia acade unha cobertura de máis de 3.000 persoas na provincia, con melloras tecnolóxicas grazas á cooperación con Illumium, entidade do grupo Fundación Once.

O presidente provincial tamén lembrou que os servizos públicos que cofinancia a Deputación en materia de axuda no fogar contan cun millón de euros de investimento, a través das iniciativas prestadas polos concellos. Ademais, Luis Menor fixo referencia ao termalismo social, destacando este programa de acceso aos balnearios como “moi exitoso” e con novidades, xa que proximamente se vai poñer en marcha unha iniciativa para combater o Deterioro Cognitivo Leve.

“Somos exemplo dunha institución volcada coa xente maior e coas súas condicións de vida, queremos seguir fomentando que a xente poida vivir na súa casa, mellorando a nosa resposta”, sinalou Menor sobre os programas da Deputación en materia de axuda aos maiores de Ourense. Por outra banda, felicitou aos responsables da investigación, “pioneira e científica”, que servirá como “folla de ruta” para deseñar programas de atención á cidadanía.

126 variables analizadas

Pola súa banda, Roberto Fernández, investigador principal do estudo científico, citou algunhas conclusións clave. Tras analizar 126 variables nunha mostra de centenarios da provincia, os expertos chegaron á conclusión de que o 41% dos entrevistados carecía de deterioro cognitivo ou tíñao nun estado moi leve. Ademais, só un 12% dos centenarios tiña sobrepeso.

En canto a alimentación, os expertos probaron que o autoconsumo, a través dos produtos da horta, era un factor común na maioría dos entrevistados. Outro dos resultados relevantes para os investigadores foi a gran laboriosidade, concluíndo que para o 70% das persoas era importante este aspecto, xirando a súa vida en torno ao traballo.

Por último, tamén puxeron en valor a resiliencia dos maiores, no sentido de adaptarse aos cambios e repoñerse de situacións adversas, como factor coincidente entre os lonxevos. O estudo científico, levado a cabo por profesionais de diferentes ámbitos como a medicina, a enfermería ou a farmacia foi aprobado polo Comité de Ética da Investigación de Pontevedra-Vigo-Ourense.

As centenarias

Durante o acto, tamén interviñeron dúas das centenarias que participaron no estudo científico financiado pola Deputación de Ourense. “Hai que seguir tendo inquedanzas, cultivándose tanto física como intelectualmente, esa é a forma de adaptarse á vida actual”, dixo Elisa Soria durante o acto. Pola súa banda, Laura Fernández atribuíu a “familia e amigos” os segredos da felicidade. Ligazón ao enlace O estudo pode atoparse na seguinte ligazón:

https://oqg-primary-prod-content.s3.us-east-1.amazonaws.com/uploads/pdf/1745930437919_6809f10523aef.pdf

 

--