A Deputación propón facer o camiño xacobeo en cinco etapas entre os domingos do 26 de maio ao 23 de xuño. As dúas primeiras etapas son as que percorren pola comarca do Carballiño
A Deputación de Ourense pon en marcha unha nova iniciativa para impulsar o itinerario xacobeo Camiño Mozárabe-Vía da Prata para “continuar con esa senda de crecemento de peregrinos que actualmente vén rexistrando”, sinalou o presidente do Inorde e deputado de Representación Institucional, Rosendo Fernández, na presentación desta iniciativa hoxe na sala de prensa do Pazo Provincial.
“Trala boa acollida que tivo esta experiencia en Semana Santa, propoñemos unha nova acción de dinamización para facilitar aos potenciais usuarios a peregrinación neste itinerario xacobeo co obxectivo de revitalizalo”, explicou Rosendo Fernández.
Esta iniciativa está pensada, sobre todo, para “involucrar a propia poboación local para que coñezan mellor este itinerario, aínda que tamén está aberta á participación de outros visitantes”, sinalou o presidente do Inorde.
Deste modo, ponse en marcha un servizo de transporte para que realicen o Camiño cada domingo -do 26 de maio ao 23 de xuño- por etapas de aproximadamente 20 km cada unha, coa facilidade de que este autobús os levará ao punto de inicio da etapa e os recollerá ao remate para volver a traelos a Ourense. Disporán de tempo suficiente para desfrutar dos diferentes puntos de interese en cada etapa e coa garantía de obter a “Compostela” ao finalizar o itinerario.
Cinco etapas
Así, o primeiro domingo, o 26 de maio, realizarán a etapa Ourense – Cea (21 km) que inclúe unha visita a Oseira, o segundo domingo, 2 de xuño, será o traxecto Cea-Dozón- Puxallos, un percorrido de aproximadamente 22 km. A terceira etapa será o 9 de xuño e levará aos peregrinos desde Puxallos a Silleda (22km); no cuarto domingo, 16 de xuño, terá lugar a cuarta etapa que vai de Silleda a Vedra-Susana, sendo un percorrido de 23 ou de 30 km. E, por último, o 23 de xuño peregrinarán a quinta etapa de Susana a Santiago de Compostela, o tramo máis curto, de 10 km aproximadamente.
Ademais, contarán ao longo desta experiencia cun autobús de apoio a media etapa e cun guía especializado que lles axudará a descubrir o patrimonio cultural e natural da provincia a través deste camiño. Os interesados en realizar o Camiño xa poden inscribirse a través da páxina web www.conocegalicia.es por un prezo de 49 euros.
Como novidade tamén se pode realizar a inscrición por etapas, por un prezo de 15 euros. Xa está dispoñible a posibilidade de realizalo ao completo ou por etapas no mes de setembro, concretamente, do 15 de setembro ao 13 de outubro. En todo caso, as inscricións están abertas para que a xente poida organizarse e anotarse con tempo segundo a súa dispoñibilidade.