A Deputación ratifica o compromiso coa D.O Ribeiro e a colaboración co sector vitivinícola como un “área estratéxica” para a provincia

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recibiu na Deputación á presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concepción Iglesias Pousa, acompañada polo vicepresidente e secretario do organismo, Carlos Basalo e Luis Manuel Vázquez, respectivamente.
Luis Menor puxo en valor o proxecto de dixitalización do rexistro vitivinícola na D.O Ribeiro, unha iniciativa que recibiu a axuda da Deputación e que resulta “estratéxica para o desenvolvemento da actividade nesta histórica zona”, dixo o presidente. Grazas a esta colaboración, o Consello Regulador pode obter información actualizada das máis de 7.000 parcelas que conforman a denominación de orixe.
Por outra banda, tratáronse accións de promoción realizadas ata agora en cooperación coa Deputación e que obtiveron, en palabras de Menor, “extraordinario éxito”.
A Deputación non só aposta por esta denominación de orixe, senón polo resto das existentes na provincia, tendo en conta que o sector do viño é, dixo Menor, “un área estratéxica” para o noso territorio.