Desenvolveráse durante os meses de Xullo e Agosto no centro social da Albarona: o concello pon en marcha unha "Escola de Empoderamento Feminino".
Dende o Concello de Piñor infórmase da posta en marcha dunha ESCOLA DE EMPODERAMENTO FEMININO, unha nova iniciativa financiada pola Secreataría Xeral da Igualdade que consiste nun curso formativo destinado exclusivamente a mulleres, no cal se impartirán todo tipo de contidos vinculados co empoderamento da muller.
A idea é fomentar a autoestima, as potencialidades a nivel persoal, a seguridade física e psicolóxica loitando contra os estereotipos de xénero e permitindo que as mulleres participantes sexan quenes de percibir todo o que son capaces de conquerir por sí mesmas, pois moitas veces son o motor principal nos seus fogares, traballos... pero non son plenamente conscientes delo.
A invisibilidade da muller ó longo da historia perpetuou un sistema patriarcal no cal a muller adoita ter un papel secundario. A Escola de empoderamento feminino de Piñor contará con 16 sesións de 2h de duración, sendo un total de 32 horas formativas que versarán sobre os seguintes temas a traballar:
1- Autoestima e crecemento persoal: tratarase de que as participantes traballen a súa autoestima, coa risa, o baile e a relaxación como principal antídoto aos problemas emocionais e do estado de ánimo que na actualidade se presentan como unha das principais causas de enfermidade na poboación feminina (6 sesións).
2- Coidar de coidarnos: nun contexto rural no que os coidados informais están en mans de mulleres de forma xeneralizada, as persoas coidadoras de dependentes son un colectivo moi vulnerable. Trataremos de que as participantes recoñezan a importancia de coidar da súa saúde, fomentando o autocoidado. (4 sesións).
3- Autodefensa persoal: abordando tódalas áreas (física, psicolóxica, emocional, individual, colectiva, etc.), creando espazos seguros e ampliando as nosas posibilidades fronte ás violencias. Traballaremos a actividade física e aplicaremos técnicas básicas de autodefensa ( 3 sesións) 4- Alfabetización dixital: obradoiro de manexo de teléfonos móbiles, no que ademais como tarefa se poida elaborar algún vídeo titorial sobre o emprego dalgunha aplicación móbil por parte das persoas participantes, etc (3 sesións)
Esta actividade levarase a cabo dende o 1 de agosto ó 26 de setembro, os xoves de 19:00h a 21:00h no Centro Social (Albarona). A é totalmente gratuita e deberá formalizarse nos Servizos Sociais do Concello de Piñor antes do 1 de agosto.