Do 1 ao 5 de agosto, actividades a diario en horario de 19 a 21 horas, na "Semana Grande para Pequenos"
A Festa do Pulpo do Carballiño medra cada ano que pasa, ao mesmo tempo que o fai o interese da programación cultural que a acompaña. Estréase este ano a declaración de interese turístico internacional e a Semana Grande para Pequenos inaugurará os festexos. Do 1 ao 5 de agosto ofreceranse actividades en dous escenarios: de luns a xoves na a Praza Maior e o venres na Praza Veracruz. Será en horario de 19.00 a 21.00 horas e nesta edición agárdase un éxito de participación, xa que a acollida por parte das familias vai en aumento.
O programa foi presentado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández, que estivo acompañado por Hugo Suárez, representante de empresa Avatel Telecom, operadora de fibra óptica.
O edil anunciou que haberá inchables, obradoiros, maxia e música, entre outras propostas. Ademais, programouse unha festa da escuma para a última xornada. Tamén subliñou que “a Semana Grande para Pequenos colleitou un gran éxito nos últimos anos e así será nesta nova edición”. Fernández tamén agradeceu á empresa a súa colaboración para que os nenos e nenas poidan participar nun amplo programa de actividades.
O programa detallado é o seguinte:
Luns, 1 de agosto: Inchable, obradoiro.
Martes, 2 de agosto: Inchable, coches a pedais, mini obradoiro.
Mércores, 3 de agosto: Obradoiro de maxia.
Xoves, 4 de agosto: Inchable, obradoiro.
Venres, 5 de agosto: Festa da escuma.