Do 21 ao 23 de Xullo: A Feira Medieval A Liorta duplica o número de actividades de animación e postos do mercado
A II Feira Medieval do Carballiño “A Liorta” duplicará o número de actividades de animación de rúa e de postos de mercado, de artesáns e de productos gastronómicos. Desenvolverase durante os días 21, 22 e 23 de xullo, entre a rúa do Paseo e a Praza da Veracruz.
O evento foi presentado polo concelleiro de Cultura, Diego Fernández; o concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, e o responsable da empresa promotora Jacobus Medieval, Daniel Castaño.
Entre as actividades que se anuncian figuran cetrería, combates corpo a corpo, espectáculos circenses e de lume e música; obradoiros de vidrio, cestería e pedra; concurso de traxes de época e unha representación teatralizada do conflicto acaecido entre as parroquias de Mesego, Arcos e Partovia, correspondentes as xurisdiccións medievais de Oseira, a Encomenda de Beade e San Matin Pinario, polos dereitos da feira do Carballiño, e que vai ser posta en escena polo grupo de teatro Tiruleque, o coro de musica de cámara, Música Viva, e integrantes de Aspadisi.
Haberá diversos pases destas actividades, en sesións de mañá e tarde, que serán especificadas uns días antes da celebración da feira. En total, serán seis as compañías que as desenvolvan: Circo Zido (Valencia), Cano Canyon (Madrid), Fire Dragons (Portugal), Los Gascones (Asturias), Falcóns Galicia e Hípica Celta, ademáis de Tiruleque, Música Viva e Aspidisi.
Ademáis, haberá un recuncho infantil, unha sesión especial de despedida na noite do domingo cun espectáculo de lume e solta de farolillos na Praza da Veracruz, e unha decoración con ornamentos medievais das rúas peatonais e a Praza Maior.
O número de postos de mercado, artesanía e productos gastronómicos achegarase ao centenar, extendéndose dende a Praza Emilia Pardo Bazán, pola rúa do Paseo e Praza Maior, ata a Praza da Veracruz. Na primeira edición este tipo de postos non chegara ao medio centenar, supoñendo polo tanto un incremento moi significado, o que para o concelleiro de Cultura é un síntoma do gran interese que suscita esta segunda edición.
Diego Fernández tamén dixo durante a presentación que o éxito logrado na primeira edición obrigaba a mellorar a programación, e por eso prácticamente se triplicaban o número de actividades de animación, con espectáculos de rúa cada vinte minutos durante os tres días da feira. Neste senso, agradeceu o esforzo que realizaba a compañía Jacobus Medieval para vir ao Carballiño, xa que organiza un gran número de feiras medievais por Galicia e noutros lugares.
Daniel Castaño agradeceu ao concello do Carballiño a oportunidade que se lle brindaba a esta compañía, e dixo que afrontaban o reto con moita ilusión e co obxectivo de consolidar o evento e darlle o máximo auxe. Así mesmo, pediu comprensión aos veciños polas molestias que poidan ocasionar os labores de montaxe e desmontaxe que require esta feira, e agradeceu de antemán a súa colaboración.