A doutora Marisa Crespo Leiro recibe o título de Filla Predilecta do concello de Cea nun acto solemne celebrado no mosteiro de Oseira
O mosteiro de Santa María A Real de Oseira acolleu este sábado o acto de entrega do título a Marisa Crespo Leiro como Filla Predilecta do concello de San Cristovo de Cea, a doutora é todo un referente internacional no ámbito da insuficiencia cardíaca e do transplante de corazón.
A corporación municipal de San Cristovo de Cea aprobou no pleno celebrado en xuño de 2020 o inicio do expediente para nomear á Marisa Crespo como Filla Predilecta do Concello, “tendo en conta –sinala a acta- os valores persoais, os méritos profesionais e o recoñecemento xeral que obtivo a doutora, ligada ao concello coa súa vivenda familiar no lugar de Santrós". Unha traxectoria que para o alcalde, José Luis Valladares, “cumpre sobradamente as calidades para o seu recoñecemento pola corporación municipal”.
Marisa Crespo, que ademais de lembrar aos seus pais fixo na súa intervención “un exercicio de gratitude, que a nai de todas as virtudes, dirixe a Unidade de Insuficiencia Cardíaca e Transplante de Corazón no servizo de cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC). Profesora titular de Medicina na Universidade da Coruña, forma parte do Comité de Educación da Sociedade Europea de Cardioloxía e ten publicados máis de 250 traballos científicos. Elixida pola revista científica Circulation como unha das mulleres líderes no mundo en transplante cardíaco, en 2020 recibiu a medalla de Ouro e Brillantes do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, que destacou as súas calidades humanas e a súa entrega e dedicación aos pacientes, así como a súa contribución á mellora da organización da asistencia da insuficiencia cardíaca, tanto en Galicia como no resto de España.
Na súa intervención, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar,referíuse a“un máis que merecido recoñecemento a unha traxectoria profesional de indubidable proxección mundial, pero tamén a unha muller que destaca polo seus valores persoais e a súa calidade humana”, asegurou Baltar. Tralo acto, ao que ademais do alcalde, José Luis Valladores, e membros da corporación tamén asistiron o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, o presidente provincial felicitou ao concello e á veciñanza de San Cristovo de Cea “por unha homenaxe que contribúe a visibilizar a enorme riqueza humana e profesional de mulleres que, ben por nacemento ou por ascendencia, levan o nome de Ourense e dos seus distintos territorios polo mundo”.