Educación mellora as instalacións do CEIP de Boborás cun investimento de 125.000 euros
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, acompañado da alcaldesa, Patricia Torres, visitou o CEIP Nosa Señora de Xuvencos no concello de Boborás para anunciar a inminente licitación da cuberta do patio do centro escolar por un importe aproximado de 125.000 euros e un prazo de execución de tres meses.
Trátase dunha infraestrutura de 270 metros cadrados necesaria para que os alumnos poidan desenvolver diferentes actividades sen estar suxeitos ás inclemencias do tempo.
Así mesmo, o delegado territorial explicoulle á directora do centro o contido dunha partida da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de 64.500 euros, prevista dentro dos investimentos con cargo a gastos de funcionamento, para o arranxo dos baños; construirase un aseo en cada aula de Educación Infantil e a reforma integral dos baños da planta baixa, tanto de alumnos como de profesores.