En Marea defende as reivindicacións dos comuneiros de Cristimil e A Torre e critica a xestión do Parque Arqueolóxico de San Cibrán de Las
A tres días da celebración do xuízo a raíz dunha denuncia presentada pola Comunidade de Montes de Cristimil e A Torre, na contorna do Castro de San Cibrao de Las (San Amaro), as deputadas de En Marea Ánxeles Cuña e Luca Chao achegáronse ata o centro de intepretación castrexa para apoiar as reivindicacións dos veciños, que reclaman a titularidade de 14 hectáreas de superficie do monte da Cidade, onde se atopa a citania.
Na rolda de prensa previa á visita ao castro, o presidente de Montes Veciñais en Man Común de Cristimil e A Torre, Modesto Rodríguez, denunciou que dende o comezo o concello de San Amaro e a Xunta de Galicia obviaron os intereses da veciñanza no que cualificaron dun “roubo” feito a mantenta. “Fixeron un edificio nos nosos terreos sen delimitación de núcleo nin servizos”, sinalou Modesto Rodríguez, que asegurou que “estamos dispostos a chegar a un acordo pero queremos que a Xunta clasifique os terreos como monte comunal”.
A deputada de En Marea, Ánxeles Cuña, que esta semana defenderá na Comisión de Cultura do Parlamento de Galicia a declaración de Ben de Interese Cultural para o Castro de San Cibrao de Las, lembrou que a propiedade comunal do propoio monte chamado A Cidade, onde se atopa a citania, “xa se recolle dende tempos inmemoriais e documentados dende o catastro da Ensenada, hai un recoñecemento histórico desta propiedade, pois figura no Catálogo de Patrimonio”.
Hai dous meses En Marea xa solicitara que se lle faga unha auditoría á empresa que está xestionando o conxunto arqueolóxico. “É unha empresa do fillo dun alcalde do PP, que non pasou nin pola mesa de contratación”, denunciou Cuña. “Déuselles un contrato meses despois de estragar un petróglifo con maquinaria en Campo Lameiro”, sinalou en referencia á empresa Espiral que xestiona o centro.
En Marea defende unha xestión mixta que contemple a colaboración con expertos en museística e a Universidade, e que as “actitivades que se fagan non vaian en menoscabo dos dereitos das propiedades de montes dos terreos en que se ubica”.