Equipos da provincia competirán no "1º Maratón de Fútbol sala O Carballiño 2018"
Entre dezaoito e vinte equipos representativos da provincia de Ourense disputarán o I Maratón Fútbol-Sala O Carballiño 2018, que se celebrará este sábado 14 e o domingo 15 de xullo no pavillón de deportes Paco Chao.
O evento foi presentado este mediodía polo concelleiro de deportes, Manuel Dacal; os representantes da Asociación Amigos do Deporte, Jesús González e Alberto Montes, así como Alfonso, promotor das primeiras edicións deste torneo, e o xogador de élite do fútbol sala Juan Puertas.
Manuel Dacal agradeceu a iniciativa da recentemente creada Asociación Amigos do Deporte, promotora deste maratón, así como a presencia de Alfonso, que empezara a organización das primeiras maratóns, e do xogador Juan Puertas, do que recordou a súa fichase polo equipo histórico do fútbol sala do Carballiño antes de emprender unha exitosa carreira deportiva como xogador de élite en equipos de Ourense, Santiago e incluso de Italia. Así mesmo, amosou o seu desexo de que este maratón poida recuperar o gran nivel acadado había anos cando o fútbol sala carballiñés atopábase na élite deste deporte.
Juan Puertas agradeceu a invitación para asistir á presentación do maratón, asegurando que o facía con moito gusto, xa que O Carballiño era sempre algo especial para él. Ao respecto, recordou a súa fichaxe polo equipo de fútbol sala carballiñés cando ainda non era ninguén neste deporte. Augurou un gran éxito neste maratón, e amosouse dispoñible en todo momento para promocionar este deporte no Carballiño.
Jesús González e Alberto Montes comezaron por explicar a creación da Asociación Amigos do Deporte, da que dixeron nacía para promover especialmente o fútbol sala, e que para isto organizaban este primeiro maratón, asegurando que esperaban que tivese continuidade nos próximos anos. Tamén agradeceron a colaboración do concello e dos patrocinadores, especialmente o Bar Soldado.